A Mina ou Nós

A Mina ou Nós

A indolente levedade do goberno local sumada a veleidade da Subdirección xeral de minas indica que irremediablemente e en breve o goberno da Xunta aprobará na Limia a posta en marcha dunha explotación mineira cunha afectación directa de 400Has. convertendo a comarca de A Limia na mina de feldespato a ceo aberto máis grande de España por diante da xa existente en Navas de Oro, Segovia, de 297Has.

O surrealismo da Xunta de Galicia que cualifica como enerxía verde a industria mineira permitirá que a superficie agraria parcelada da chaira limiá sexa dragada teoricamente para a obtención de feldespato, non só nuns predios útiles e rendibles ao 100% senón que tamén incidindo moi negativamente nos concellos pertencentes a subcunca do río Limia que engloba unha superficie de 1400 km. cadrados, nomeadamente nos que se encontran sometidos a influenza hidrostática da súa depresión, Xinzo da Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Sarreaus,Trasmiras, Porqueira, Os Blancos ou Vilar de Barrio.

Queda claro xa que o problema da mina “Faramontaos 5089.1” non é só unha cuestión de sete ou oito parroquias de Xinzo da Limia senón que é unha cuestión de todas e todos, nosa, de nós, de toda A Limia e sobre todo das administracións públicas que son as primeiras que deben velar pola conservación e desenrolo dunha comarca.

De sobra é coñecido que na Limia o sector primario é o principal sustento económico, piar financeiro esencial desta comarca. Un bo ano agrogandeiro significa que tanto a economía doméstica, comercio local, como todo o sector servizos, banca, hostalería, industria auxiliar, do automóbil, así como da construción ou rehabilitación tamén terán un bo ano. Máxime en tempos de crise e profundo afogo do consumo trátase dun sector co que non hai que xogar e que compre blindar ante calquera posible agresión ou menoscabo. Sabémolo de sobra, como tamén coñecemos a factura que isto conleva. Unha gandería e agricultura intensiva e fortemente tecnificada pode ser o motor dun país, mesmo dunha potencia económica, mais isto esixe unha política e cultura medio ambiental, fitosanitaria así como da xestión dos residuos moi desenrolada e rigorosa e que imperiosamente camiñe cara o respecto ao medio e a sustentabilidade. O que sen dúbida aínda é a nosa materia pendente, basta unha ollada a situación, augas ou ph. do río Limia.

Unha explotación de feldespato desta envergadura, a máis grande de España a ceo aberto, con balsas de decantación cuns dragados de 15 metros de profundidade e afectando a 400Has. situadas todas a carón, a menos de 100 metros remontando o curso do río Faramontaos, tamén Nocedo ou Eiroa, afluente directo pola marxe esquerda do río Limia, será non só o desastre dunha comarca no que atinxe a lesión dun resorte económico esencial como é o agrogandeiro senón que sentenciará tanto ao adeus definitivo da calidade das nosas augas como a puntilla sen volta atrás da contaminación, agora xa si irreversible, do noso río Limia e de toda a súa bacía e subconcas, embalse das Conchas engadido.

A mina ou nós. Velaquí a cuestión, soportar a indolencia dunha administración autista ou tomar a decisión de ser capitáns da nosa terra, donos dun destino rexido pola mina ou nós.

<p>[author image=" http://www.dendealimia.com/web/wp-content/uploads/2013/06/5092a1b22afb9-xosel.carreirafoto.jpeg"] Xosé Lois Carreira<br /> Nado en 1971 en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico multidisciplinar. Concelleiro do BNG en Xinzo da Limia [/author]</p>