A mirada crítica de Carlos Casares

1975.+Carlos+Casares
A mirada crítica de Carlos Casares
XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA De tódalas persoas que contestaron ás preguntas de Rafael Laso no seu libro Carlos Casares, o amigo...
XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA

De tódalas persoas que contestaron ás preguntas de Rafael Laso no seu libro Carlos Casares, o amigo das palabras quen máis me gustou nas respostas foi Dolores Villarino, non precisamente unha profesional das letras. Mariló, como a coñecemos en Xinzo por ser paisana nosa, deixando de lado os tópicos de rigor, pola súa condición de amiga íntima do escritor nos seus anos mozos, soubo definir a Casares como persoa honesta, sinxela, tolerante e que, ó mesmo tempo, tiña un algo especial compartindo con el lecturas e toda clase de pensamentos, incluso políticos, sen medo de ser xulgada. Coido que para entender isto último habería que meterse na mentalidade daqueles anos sesenta, hoxe pode parecer simple retórica.

Pero das opinións de Mariló a que considero máis interesante é cando di que Casares, «como lector, tiña un gusto exquisito á hora de valorar ós outros escritores, sendo capaz de discernir inequivocamente o que era unha boa obra doutra mediocre», sen ter para iso en conta nomes nin antecedentes. Ningún dos outros colaboradores no libro de Laso Lorenzo fai a máis mínima mención a esta faceta do escritor, incluídos os críticos literarios que alí figuran.

O criterio de Villarino coincide de cheo cunha conversa, da que eu fun testemuña na nosa biblioteca municipal —que acabará por figurar na historia da literatura galega—, cando o bibliotecario e amigo de Carlos, Antonio Rodríguez, tentaba convencelo de que seu éxito literario estaba na crítica e non na creación. Casares, que xa publicara os dous primeiros libros, non respondía nada, só sorría, deixando entender que puidera que Antonio tivera razón, pero que el ía seguir o camiño da narrativa, que era o que lle tiraba.

É posible que parte dese fino criterio estilístico o disfrutaran seus alumnos que serán os que deberían opinar sobre elo, pero durante un período de tempo, antes de iniciar a celebrada columna Á marxe, no mesmo xornal publicou de maneira non periódica a sección A ledicia de ler na que, de maneira clara e valente, criticou —co sentido de crítica literaria— algunhas das obras que naquelas datas foron publicadas en Galicia. Na páxina web da Fundación Carlos Casares estanse a divulgar pouco a pouco estes artigos para quen teña interese na súa consulta.

Pola miña parte, conservo recortes de varias desas críticas, nunha das cales ten que saír en defensa das calidades literarias, nada menos, que de Otero Pedrayo, porque segundo el mesmo menciona, Xabier Alcalá se queixara publicamente, trala morte do patriarca das letras, de que a xente confundía a gran humanidade deste coa súa incapacidade (sic) para transmitir pensamento escrito. Casares, pola contra, sostiña que foi un narrador portentoso, tanto que se houbera centrado seu traballo exclusivamente na narrativa, as letras galegas terían agora un escritor digno de figurar entre os mellores europeos dos últimos cen anos. Este é un exemplo claro de quen non ve mais alá das súas propias narices e de quen discirne inequivocamente.

Coido que se, en definitiva, o «gusto exquisito para valorar» Casares non o desenvolveu como Antonio pretendía, serviulle de moito para a súa propia obra, traballando esta ó máximo do que o seu criterio lle sinalaba, condición indispensable no día de hoxe para, como dicía o escritor ucraíno Isaak Bábel, non engadir a milleiros de malas páxinas que se teñen publicado outras máis de vacua charlatanería. Curiosamente tamén Faulkner empregaba o mesmo termo para rexeitar certa literatura do seu país.

 Xunto coas opinións de Mariló, tamén me gustou moito saber en palabras de Kristina, a súa muller, así mesmo tristemente desaparecida, que os fillos, cando eran moi cativos, non deixaban escribir ó pai, porque lle subían polas costas. Mágoa dunha cámara de vídeo naqueles momentos.