Miro, simplemente Miro.

Miro
Miro, simplemente Miro.

“Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hainos que loitan moitos anos, e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles.”

Miro
Miro

Vanme permitir que comece este artigo con esa frase tan coñecida do xenial poeta e dramaturgo alemán Bertolt Brecht. Quero facelo, porque élle moi acaída a un home, un amigo, Edelmiro Martínez Cerredelo, Miro, simplemente Miro, que non deixa de loitar cada día por dar a coñecer, por tirar das tebras máis escuras, a historia da nosa vila.

Non quero facer aquí un repaso da súa vida, para iso están os biógrafos. Só quero centrarme na persoa, no amigo. Nesa persoa que de, non existires, habería a obriga de inventala, de facela realidade. Nesa persoa que representa ou debe representar un orgullo para todas as persoas de Xinzo. Xa que logo, gracias a súa labor de pescuda, temos a sorte de coñecer o noso pasado como pobo. Se hai algo que nos identifica, que nos posúe, que nos fai ser como somos, ese algo é a nosa historia. Porque para saber como somos, nada mellor ni máis imprescindible que saber de onde vimos e coñecer cal é a nosa historia. Os pobos que descoñecen a súa, rematan por ser varridos dela, esquecidos.

Velaí a tarefa inmensa deste home, debullando textos antigos, investigando, picando aquí e acolá en arquivos recónditos, para traernos á luz a nosa historia pasada e permitirlle ás vindeiras xeracións tela presente.

A min, que me gusta contar, escribir, inventar historias, dáme por pensar ás veces cando escribo, que cada persoa ten un equivalente no mundo animal co que se pode identificar. Se algún día teño que meter ao amigo Miro como personaxe nun libro de animais, teño claro que sería a mellor das formigas. Pois así é a súa labor de investigador da nosa historia: paseniño, de vagar, colleitando cousas aquí e acolá, nun arquivo parroquial ou nun arquivo histórico, procurando nomes, feitos, lugares, palabras, escritos, gardando todo, nunha angueira que adoita rematar en forma de libro, artigo de prensa ou documento na rede.

Este sábado foi un día grande para a vila, pois tivemos a ledicia de ver recompensada a labor deste home no acto de nomeamento de fillo predilecto da vila, unha merecida distinción que o honra para sempre. Por ser como é, por esa labor súa incesante, calada, de formiga.