Mortos por un raio na Limia en 1914 e 1930

igrexa vella
Mortos por un raio na Limia en 1914 e 1930

Hai cousa dun ano, saíu neste xornal un artigo meu sobre o primeiro pararraios instalado na nosa vila aló polo ano de 1893. Cómpre recordar que foi colocado no alto do campanario da igrexa vella e que a instalación foi dirixida por Baldomero Rodríguez Cobelas, encargado da estación telegráfica.

igrexa vellaTamén hai cousa dun ano, visitei unha exposición dedicada á vida e obra do xenial inventor Nikola Tesla, con quen o mundo da electricidade ten unha débeda permanente de gratitude polos seus descubrimentos e invencións. Naquela exposición, abraioume unha serie de fotografías tiradas no laboratorio onde Tesla traballaba. Nelas pódese ver ao inventor sentado nunha cadeira lendo tranquilamente un libro, dentro dunha gaiola de metal pola que se espallan raios e lóstregos de descargas eléctricas sen que el se inmute ou amose un mínimo sinal de preocupación.

Agora ben, os raios dos trebóns, teñen certamente algún perigo. Na prensa non é estraño ver algún suceso máis ou menos desafortunado relacionado con eles. E o interese por este tipo de cousas vén de lonxe. Nun xornal cuxa cabeceira levaba por nome Correo de Galicia, que se publicou en Santiago de Compostela entre os anos 1900 e 1919, e que se definía a si mesmo como diario independente de avisos e noticias, no número publicado en data cinco de setembro de 1914, deron conta dos sucesos acontecidos en Calvos de Randín:

En el pueblo de Calvos de Randín (Orense), partido de Ginzo de Limia, se desencadenó ayer una horrible tormenta.

Una chispa cayó en casa del labrador Cayetano Veiga, incendiándola y matando varias reses.

Otra chispa penetró en el domicilio del secretario del Juzgado municipal, D. José Gómez Méndez, y mató a un hijo de éste llamado Celso, joven de veinte años de edad, que se hallaba en la cocina conversando con los criados.

Dezaseis anos máis adiante, no número 3056 do xornal El Compostelano, dun martes 27 de maio de 1930, dábase conta dunha morte acontecida por un raio:

A causa de una tormenta que se desencadenó sobre el pueblo de Guntimil, de Ginzo de Limia, una chispa eléctrica mató a José Blanco Martínez, que se hallaba cargando un carro de leña en el monte.

Despois de ler estas noticias xa tan afastadas no tempo, sigo pensando o mesmo. Cando vexo un lóstrego, acórdome da miña avoa Dolores e mais de Nikola Tesla. Non abro as fiestras da casa como dicía ela, mais tampouco me metería nunha gaiola a ler un libro cos raios pasando por riba da miña cabeza como facía el.

Rafael Laso Lorenzo- Foto Miro Martínez Cerredelo