O Moucho de orellas (Otus scops) é unha ave de presa nocturna da familia das Strigiformes. O seu tamaño é de 19-21 cm e a envergadura (distancia entre as puntas das ás) de 47-54 cm, o peso non sobrepasa case nunca os 100 gramos. É polo tanto a máis pequena das nosas rapaces nocturnas.
O alcume de orellas venlle porque ó descansar polo día ou ó molestala ou asustala, endereita unhas plumas que ten ós lados da cabeza , semellantes a unhas orellas. Ademáis pecha os ollos e pon máis ancha e plana a parte que ten por riba do peteiro, pretendendo imitar unha cortiza de árbore. Se a esto lle engadimos que a súa plumaxe tamén é da cor da cortiza, desaparece a ave e aparece unha póla de árbore. Non é facil de ver para as presas, para os predadores e mesmo para nós.
En Galicia é unha especie pouco común e estival: de mediados de marzo a outubro. Inverna máis alá do deserto do Sahara. Está presente nas zonas máis cálidas do sur e do oeste de Galicia, escaseando no norte e no leste.
Gosta dos soutos fluviais, dos parques e alamedas e bosques con espazos abertos, tamén de terras cultivadas con árbores espalladas.
Aliméntase sobre todo de insectos: lagostas, trillas, escarabellos, saltóns, grilos e eirugas. Na época de cría pode chegar a cazar ratos, furafollas, lagartos, algún anfibio e paxaros pequenos como xílgaros ou ferreiros.
Fai os niños nos buratos das árbores vellas. A comezos de maio, normalmente, pon entre 3 e 6 ovos cun intervalo de dous días.
O Moucho de orellas figura como De interés especial no Catálogo Nacional de Especies Amenazadas.
No Atlas de aves reproductoras fálasenos dun declive do 20-50% motivado pola alteración do hábitat e polo emprego de praguicidas que matan ós insectos dos que se alimenta. Para axudar a recuperación desta especie, sería necesario controlar os cambios ambientais e o emprego de praguicidas. Axudaría moito salvar as árbores vellas, polos buratos que teñen para nidificar e reforzar con caixas-niño onde sexa necesario.
Eduardo de Juana, Presidente da Sociedad Española de Ornitología e autor da guía Aves de España, escolleu dúas aves para a cuberta (ilustrador Juan M. Varela): un Moucho de orellas que é a que ocupa a parte principal e en pequeno, un Picanzo Cabecirrubio. Algo ten a nosa pequena ave que atrae.
Na Limia teño constancia dende o ano 2007 da súa presenza no Parque do Toural. O meu veciño chegou este ano o 21 de marzo. Tódolos días desde esa data delata a súa presenza co monótono canto cada 2-5 segundos. É un PIUUU que moito se parece ó reclamo do sapiño comadrón co que se confunde.
Existen outras dúas localizacións da especie na bisbarra, polo menos e... seguimos buscando.
O ano pasado en dúas desas localizacións colocamos en total 10 caixas-niño dentro do programa da Sociedad Española de Ornitología La migración de las aves. O que se pretende con este programa é saber a ruta que segue na migración e a localización exacta da morada no inverno dos Mouchos de orellas limiaos. Para este proxecto contamos coa colaboración e supervisión da Sociedade Galega de Ornitoloxía que foi a que fixo os papeleos, pediu os permisos, puxo as caixas, etc.
E onde van criar os Mouchos de orellas no Parque do Toural? Pois nos buratos dos chopos que están ó lado do río, eses mesmos chopos que estas semanas están a sufrir as tremendas talas que os conducen á morte. E todo por unha lenda urbana: o vilano. Considérase que é ese tipo de algodón ou peluxe branca, a que produce reacción nos alérxicos ó pole. Mais non é así, o vilano é a semente, non o pole.
Ós que vos guste o cine, recordaredes que así, coa explosión de vilano, é como comeza, para min, unha das mellores películas da historia do cine: AMARCOR de Federico Fellini. Óscar á mellor película extranxeira no ano 1975 e coa música de Nino Rota da que o debuxante Forges dixo: Esa música é a banda sonora do CEO.
Os mozos protagonistas asimilan o vilano (le manine) coa chegada da primavera, algo que todos consideramos bo: cuando los vilanos vuelan, llega ya la primavera. Los vilanos han aparecido, el invierno ya se ha ido (Consérvoo en castelán pola rima)
Espero que o descoñecemento non acabe cos chopos e cunha pequena colonia de Moucho de orellas neste profundo sur de Galicia!
(Quedo en débeda con Luis José Salaverri Leiras por terme prestado a foto que o ano pasado lle sacou a un dos Mouchos de orellas do Parque do Toural, para este artigo.)