MÚSICA e RUPTURAS AMOROSAS: FLEETWOOD MAC e “Rumours”

MÚSICA e RUPTURAS AMOROSAS: FLEETWOOD MAC e “Rumours”

Cando do desamor…xorde a beleza. Cando coa dor…aparece a inspiración.

Din as estatísticas que á volta do verán, rematadas as vacacións e a ineludible convivencia \“full time\” con fillos e parella…é cando máis rupturas amorosas, divorcios, separacións e demais desastres sentimentais se producen, así que aproveitando a conxuntura temporal, hoxe quérovos falar precisamente disco, de como a música non é allea a este fenómeno, e de como, ás veces, só ás veces, da dor xorde a beleza, e o desamor chama pola inspiración agasallándonos con auténticas obras mestras… E o fito fundamental destas xoias talladas entre bágoas, carraxe, insultos, infidelidades, silencios e miradas que matan…é sen dúbida o RUMOURS dos FLEETWOOD MAC, un álbum que ten o \“récord\” nisto das rupturas…porque todos, absolutamente todos, os membros da banda racharon coa súa parella…non se salvou ningúen…E inda por riba, os Mac eran ademais unha banda \“familiar\” nesa altura, con dous matrimonios e un amigo: a parella Lindsay Buckingham e Stevie Nicks, o membro fundador Mick Fleetwood, e a outra parella Christine e John McVie…Pero para chegar a entender por qué rebentou esta ola a presión paga a pena facer un breve percorrido por un dos grupos máis eclécticos da historia do rock, que transitou desde o blues máis puro ata o pop máis comercial, do underground...ao maisntream.

Nas súas orixes os Peter´s Green Fleetwood Mac (o nome dános conta do seu ego ;) eran pouco máis que a banda de apoio do seu fundador e \“gran xefe\” PETER GREEN, un guitarrista virtuoso da alucinante escola dos Bluesbreakers de John Mayall (nos que substituíu nin máis nin menos que a…Eric Clapton) con outros dous exBluesbreakers, John McVie (no baixo) e Mick Fleetwood (na batería), máis Jeremy Spencer na outra guitarra. E con esta formación gravaron 2 discos en 1968, no segundo dos cales xa temos á daquela (aínda) Christine Perfect (e xa moza de McVie) tocando o piano nalgún dos temas. No último álbum con Peter Green, o Then Play On de 1969, o son faise máis rockeiro coa inclusión da terceira guitarra de Danny Kirwan, e o o single \“Oh Well\” é boa proba do poderío daquel supergrupo. Pero como en moitos outros casos, as drogas pasan factura, e os excesos de Peter Green co LSD nunha comuna hippie de Munich deixárono bastante tocado…deixou barba, vestía con túnicas e farrapos e levaba colgado un gran crucifixo, e díxolle ao resto da banda que os cartos estaban malditos, e que non quería saber nada de diñeiro, que había que darllo todo á beneficiencia…Fleetwood díxolle que adiante, que o fixese, pero que eles non pasaban por iso. Finalmente, diagnosticado de esquizofrenia, deixou o grupo, metérono nun psiquiátrico onde lle aplicaron electroshocks, e volveu a finais dos 70 co xenial \“In the Skies\” xa nunha vea totalmente \“mística\”...

Xa sen Peter Green, os Mac van mudar de aliñación…e tamén de son: menos blues, e máis pop-rock. O álbum Kiln House do 70, onde de novo colabora a (xa) sra. Christine McVie facendo a chulísima portada e poñendo coros nalgúns temas, é o primeiro deste chanzo. Pero de novo, outro do grupo que tolea…o guitarrista Jeremy Spencer desaparece no medio dunha xira…despois de buscalo, descobren que anda metido nunha secta pseudorelixiosa, os \“Children of God\” (Nenos de Deus), así que hai que buscar outro guitarra que acompañe a Danny Kirwan. E este vai ser o americano afincado en París BOB WELCH, que mudará totalmente o son dos Mac ata achegalos á popularidade e deixalos ás portas do éxito masivo.

Future Games, no 71, é o primeiro paso destes novos F.Mac, xa co matrimonio McVie ao completo, Kirwan e Welch nas guitarras, e o \“pai\” Fleetwood na batería. É un disco boísimo, cunha portada preciosa, e con Welch e Christine dominando a faceta compositiva con marabillas de pop melódico como a que lle dá título ao disco \“Future Games\”…un caramelo, e cun traballo de guitarras incrible entre Kirwan e Welch, como en \“Sands of time\” ou \“Lay it all down\”.

A maxia do dúo Kirwan & Belch continúa no álbum seguinte, Bare Trees, como pode apreciarse na delicada \“Sentimental lady\” do propio Welch, cun nivel de harmonías vocais in crescendo que anuncia a progresiva perfección dunha banda en estado (compositivo e interpretativo) de graza; ou tamén nun dos clásicos da banda, o \“Spare me a Little of your love\”, que marcaba tamén por onde ían ir os tiros dos novos Fleetwood Mac. Infelizmente, e xa parecía unha maldición... tamén Danny Kirwan acabou perdendo a chavella por culpa do alcol; un día rachou a súa guitarra no escenario, marchou do concerto todo encabuxado, e non tiveron máis remedio que despedilo e buscarlle substituto: Bob Weston.

Con Welch e Weston nas guitarras, e cun novo cantante (Dave Walker) coa que a banda renunciaba de xeito incomprensible á súa propia voz, en 1973 saíron os seus dous álbums quizais máis prescindibles, Penguin e Mistery to me, dos que apenas se salva, para compensar, un dos mellores temas dos Mac, e sen dúbida o mellor de Bob Welch, o adictivo \“Hypnotized\”, cun punteo de guitarra que será o testamento sonoro de Bob Weston antes de ser despedido por Mick Fleetwood…por enrollarse coa súa muller, Jenny Boyd (curiosamente…a irmá da muller fatal máis famosa do rock, nin máis ni menos que a mítica Patty Boyd, inmortalizada como Layla polo seu amante (cando era a muller de George Harrison) e marido despois, o gran Eric Clapton…cousas da vida). Para o meu gusto, a mellor canción de desamor da historia da música, pero esa é outra historia...

Dalgunha maneira, o xermolo do álbum que nos ocupa está anticipado nesta época, polo enrarecido clima sentimental, e polo son \“americanizado\” de Bob Welch, que na súa última achega, o álbum Heroes are hard to find (1974), gravado xa en Los Angeles, é xa o único guitarrista, e como non, o autor do mellor tema do disco, \“She´s changing me\” (Ela estame mudando…), premonitoria da tormenta de paixóns que se achegaba…, porque Bob vai \“abandonar\” a banda disque por liarse coa muller John, Christine…máis do mesmo.

Antes de chegar ao expiatorio e xenial \“Rumours\” falta un último elo, e por outra banda, a primeira pedra dos (xa totalmente americanizados) Fleetwood Mac do futuro, a mítica banda que case todo mundo coñece. E ese honor correspóndelle ao álbum homónimo Fleetwood Mac, como se comezasen de novo…e dalgún xeito, facíano: o grupo instálase en L.A. e vai incorporar (e tamén resulta curioso que sexa o día mesmo de fin de ano…ano novo, banda nova, disco novo, novo look…) aos que serán os artífices do \“estilo fleetwood americano\” durante décadas…a parella Lindsay Buckingham (guitarra) e a súa muller Stevie Nicks (foi a condición que el puxo, que entraran os dous), noivos desde o instituto e que mesmo chegaran a probar sorte co álbum \“de parella\” \“Buckingham Nicks\”, un fermoso pero fracasado intento que merece unha oportunidade nunha tarde de choiva… Ademais, foi precisamente a escoita do tema \“Frozen Love\” a que convenceu aos F.Mac para \“fichar\” a Buckingham e señora. E abofé que foi unha boísima elección, …e tamén a simbiose perfecta, porque o dúo sexy precisaba da potencia dunha banda detrás, e os decimados por anos de drogas, alcohol e tolemias Fleetwood Mac precisaban sangue novo para renacer das súas cinzas cun novo proxecto, cunha nova imaxe, cun novo son...

O álbum Fleetwood Mac de 1975 serve para \“engraxar\” esta nova maquinaria, e para que por fin! os Fleetwood Mac acaden o éxito: nin máis nin menos que 5 millóns de discos vendidos (o máximo ao que chegaran foran 300.000), e o nº 1 na lista Bilboard. Hai no álbum varios dos clásicos dos Mac, entre eles \“Over my head\”, \“Say you love me\”, e sobre todo \“Rhiannon\”, un himno que xa nunca abandonará a track list dos directos da banda.

E chegamos ao \“purgatorio sentimental\” de Rumours, porque co éxito comercial chegou tamén o fracaso emocional: os McVies divórcianse despois de 8 anos casados, os Buckingham&Nicks sepáranse logo de se amar dende cativos, e o que faltaba, o \“Daddy\” (así o chamaba o resto cariñosamente) Mick Fleetwood tamén se estaba divorciando da irmá de Layla, Jenny Boyd… así pois, unha panela a punto de rebentar, un escenario de desconfianza, de celos, de vellos amantes que xa case non se falan e viven separados..., porén, curiosamente, de toda esta carraxe, de todas estas paixóns encontradas, neste clima estraño e irrespirable de conmoción polas perdas, xorde a maxia, e como se se alimentase do sufrimento, a beleza agroma entre as ruínas destas vidas que se desfán, e a banda agasállanos cun traballo intemporal, coa cima do seu nivel creativo, que xamais superarán, e que quedará para sempre gravado como unha das páxinas máis brillantes da historia da música popular: o Rumours de 1977.

O primeiro \“petardazo\” veu xa antes de que o disco saíra, e foi \“de cantidade\” porque a Warner tivo o pedido anticipado máis grande da historia do selo: 800.000 copias!!!, e cando empezou a venderse xa foi o non vai máis: 5 millóns de discos!!!

Pero é que o petardazo \“de calidade\” foi inda maior, porque resulta complicado destacar algún tema en especial entre tanta xoia, todos tinguidos da amargura dunhas letras nas que tratan de exorcizar os seus demos, curar feridas e tirar para adiante como se poida…

\“Go your own way\”, composta por Buckingham, foi o primeiro single, e a súa confesión non pode ser máis desoladora, a pesar do ritmo frenético do tema. Pola contra, a súa ex, na fermosísima \“Dreams\”, lembra con dor o que se tivo, o que se perdeu… (\“what you had, and what you lost\”)E a terceira voz é da outra ex, Christine, que en \“Don´t stop\” ´prefire deixar atrás o pasado (\“yesterday´s gone\”, que era realmente a idea inicial para titular o álbum), pero que na sensual \“You make loving fun\” canta sen complexos ao seu novo amante (Curry Grant, o técnico de luces…todo quedaba na banda ;) e mesmo se regodea na nova relación, con recadiño incluído para o seu ex. Está claro que o despeito fainos innecesariamente crueis… O único tema que asinan os 5 é o metafórico \“The Chain\” sobre a \“cadea\” do amor… \“aínda podo escoitarte dicir que nunca racharías a cadea/pero se agora non me amas non me ames nunca máis\”… miradas que o din todo, unanimidade total de pareceres, e clasicazo da banda en todos os seus directos, cun enérxico tour final a partir da liña de baixo que é…pura catarse. Unha p… pasada. Estes F. Mac seguiron aínda xuntos moitos anos, pero nada volveu ser o mesmo…e nos 10 anos que seguiron xuntos ata o 87 só nos deron un temazo cun punteo final inesquecible 5 anos despois, \“Gipsy\” (no álbum Mirage), e finalmente o discazo de despedida, o xenial Tango in the night cargado de hits que forman parte xa do inconsciente sentimental colectivo de toda unha xeración...a dos oitenta, como son o \“Isn´t it midnight\”, \“Seven wonders\”, \“Everywhere\” ou \“Little lies\”... sen dúbida, un álbum \“discoteca básica\”.

PD: Para os que queiran máis \“discos de ruptura\”, aquí lles deixo un par recomendacións:

-o Tunnel of Love (1987), de BRUCE SPRINGSTEEN, en plena \“resaca\” do Born to run, e tras o divorcio con Julianne Philips, coa que casara no 85, un pouco ao tolo, despois dun romance apaixonado e truncando a relación que xa iniciara con Patti Scialfa, que finalmente, andando o tempo e sentando a cabeciña..., si sería a súa muller.

-e o que para min é o mellor disco post-divorcio, o \“Here my Dear\”, de MARVIN GAYE, un álbum que xorde \“por obriga\”, para afrontar os pagos dos preitos e o finiquito da relación coa súa ex Anna Gordy, e que acaba sendo un dos seus mellores traballos, unha confesión delicada, irónicasás veces, sensual coma sempre, sincera, e mesmo esperanzadora, porque o último tema está dedicado \“á outra\”, Janis Hunter, o novo amor -e causa da ruptura-…

E lembrade, non vos perdades por nada do mundo estas xoias, porque son unha delicatessen para padais musicais exquisitos...como o voso. Ata a próxima.