Na morte de Camilo Dios

2016102221245322000
Na morte de Camilo Dios

Foise, acaba de irse hai nada e eu veño de saber a mala nova media hora antes de poñerme a escribir estas liñas. Morreu Camilo Dios, un home dos bos, dos queridos e 2016102221245322000respectados non só en Sandiás, non só en Xinzo, non só na Limia. Nada teño que dicir del que non se saiba xa, nada. A súa historia, a da súa nai e a do seu irmán Perfecto, é de sobras coñecida por todos. Por iso, agora mesmo, a min aparéceme na memoria o seu fillo Nené. Pídoche desculpas, benquerido amigo, por traerte aquí nestes intres de tanta dor para ti e a túa familia, cando hai tan só unha hora acabamos de falar por teléfono.

Non puiden evitalo. A memoria ten estas cousas. Por iso non quero falar do teu pai. Se a miña cabeza non falla, Carlos Casares contou máis dunha anécdota sobre el nos seus artigos. Eu quero falar de ti, de nós, das amizades comúns tecidas hai case xa cincuenta anos, nas aulas

de don Paco, dona Basilisa, dona Beatriz. Ímonos facendo vellos, acabas de dicirme hai nada. Certo, desta volta non podo negalo. Velaí a miña memoria de hai tantos anos, naquela Escola Nacional Graduada Mixta de Xinzo de Limia, onde hoxe está a Casa da Cultura. Na planta baixa, a clase de don Paco, da que escapabamos castigados nos recreos saltando pola fiestra cara o xardín das roseiras. Lémbraste, amigo? E canda nós Ana, César, Chon, Chus, Elena, Estrella, Javier, Juan José, Juan Manuel, Julio, Mari Cruz, Milagros, Primitivo, Susana, Teruca, Teté, Víctor... non sei se me falta alguén na lista. Nomes presentes na memoria, hoxe un pouco máis tristes que aqueles rapaces de hai case medio século que comezabamos a descubrir o mundo, un mundo que para nós estaba na rúa, na praza, no Espolón. De todos eles, moitos andamos espallados polo mundo, fóra de Xinzo, mais a nosa vila segue a ser o noso nexo de unión. Pasado, presente e futuro. Facéndonos cada vez máis vellos, cada vez con lembranzas máis intensas, máis grandes, máis fortes. Calidades esas tres, todas do teu pai Camilo. E que me constan que tamén están en ti. Por iso, a estas horas da noite, quero enviarche a miña aperta máis intensa, máis grande, máis forte, amigo Nené.

Rafael Laso Lorenzo