Os netos do Cucufate

Padre Silva
Os netos do Cucufate
Nos antigos foros do convento de Celanova , aparece a referencia a un río que regaba as xenerosas veigas emprazadas...

Nos antigos foros do convento de Celanova , aparece a referencia a un río que regaba as xenerosas veigas emprazadas na ladeira onde morren os montes do Leboreiro. Recentemente a este río cambiáronlle o nome. Pasóuselle a chamar o río Ourille. O hidrónimo que estivo na boca de campesiños, carreteiros, tratantes, anacoretas, monxes e soldados dende a noite dos tempos, ficou trocado por algún iluminado; seguramente por un destes das administracións  de caldo a la merienda. O seu nome primixenio é o río Sorga. 

A cunca do río acada os 96 Km2 entre Celanova, a Bola e Verea; e unhas faragullas de Bande aló no nacente. Próximo xa á súa desembocadura semella as retorceduras dunha cobra nas fauces dun felino; o seu leito aproveita tódolos recunchos para non morrer no seu pai o Arnoia. Esta loita pola supervivencia vén contemplándoa dende bastantes séculos atrás  unha torre , edificada nun castro reconvertido en burgo medieval.

Á sombra deste castelo de Vilanova dos Infantes, que foi destruído polos Irmandiños, rexido polos Condes de Monterrei e musicada pola Banda daquel lugar cando ensaiaban no seu interior, viviu o señor Cucufate. O caer da auga polos caños dunha farta fonte mantéñeno na memoria da vila.

Pois ben, o señor Cucufate Méndez deulle a Galicia dous persoeiros de alta talla: os netos Jesús César e Xosé Lois. Dous homes revolucionarios, marcados por certos conceptos e ideas do marxismo. Tocoulles vivir na Longa Noite de Pedra, así e todo non enrugaron. Nin a indiferenza do nacional-catolicismo nin as penalidades do calabozo os fixeron cambiar de parecer.

Jesús César Silva Méndez, coñecido coma o Padre Silva, e formado cos Xesuítas en Comillas adicou a súa vida a unha obra de gran contido humano e revolucionario chamada a “Cidade dos Muchachos”. O seu circo percorreu os cinco continentes. Dende actuacións en Madrid no Prince, pasando por París no gran Palais, ata o Xapón.

Na década dos 70 en Benposta búscase un discurso propio fronte os cambios que se estaban a producir. Xosé Manuel Beiras, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Antón Tobar, Celso Montero, Xaime Quesada, Ramón Piñeiro, Manuel María, Rego Nieto, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Lorenzo Varela, Suso Vaamonde, Xosé Ramón Barreiro, García Bodaño….. por medio de coloquios e conferencias entraron en contacto ca Cidade. A partir dos anos 80latinoamericanízase Benposta e comeza o seu declive. Este vir a menos arrastrou tamén ó Padre Silva.

Xosé Lois Méndez Ferrín no ano 1.999 foi proposto pola Asociación en Lengua Gallega á Academia Sueca, para o premio Nobel de Literatura. Membro numerario da RAG e presidente da mesma ata hai uns días, atopouse tamén cun tropezo.

Dicía Víctor Hugo nos Miserables que o culpable non é aquel que comete o delito, senón aquel que instaura as condicións para que este sexa cometido. Ferrín levado tal vez polo ambiente podre no que vivimos, caeu nunha inocentada na cal non preveu as consecuencias.

O nepotismo é un dos condicionantes da vida das Institucións. Na política temos moitos exemplos dende Hillary Clinton,  pasando por Ana Botella e acercándonos ó noso BeBe  (Baltar Blanco). Na vida da Igrexa dende os Borgia ata o actual Bispo de Lugo. E se vamos ó televexo: Paquirrín, Belén Esteban, Antonio David…..

Nesta caída non lle axudaron a Ferrín os da súa propia casa a levantarse, senón que o empuxaron, incluso co traxecto Vigo-Coruña en A-8. No fondo percíbese un forte choque ideolóxico na RAG.

Ó río Sorga cambiáronlle o nome, pero a admiración e a emoción que nos fixeron e fan pasar estes dous primos é imposible de trucar. Un ensinounos os malabarismo do trapecio e o outro a malabarearcas letras.