Nin de chiripa...

fichas dominó
Nin de chiripa...
No xogo do dominó para que un cerre teña éxito, é preciso conxugar unha serie de factores que só está ó alcance...
No xogo do dominó para que un cerre teña éxito, é preciso conxugar unha serie de factores que só está ó alcance dos bos xogadores: que fichas foi colocando o teu compañeiro, cantas quedan por man, abundan na mesa as brancas e os pitos ou as de máis número… Aínda que tamén é certo que se pode confiar na chiripa. Ó José Joaquín (coñecido entre nós coma o Meteorito) estáselle indo a partida das mans. Percíbese con claridade que non domina a situación. Sempre foi mal xogador e non hai compañeiro que lle sirva. O que ten agora, como tiña gañas de xogar a partida, e  non quedar de mero espectador, sentouse con el… pero nada máis. O sistema táctico do Meteorito nestas últimas semanas é o do cerre, primeiro o da sucursal de Nova Galicia Banco, non achegando solución algunha. Polo menos a súa veciña e íntima amiga a Apoteósica, intentou buscar unha solución para a oficina de Podentes. Despois  o peche da Galiña Azul, ca música de fondo de que os raparigos dos concellos limítrofes sexan arrolados polos seus rexedores. Finalmente o peche da Residencia-Centro de día a  Solaina. Tamén o centro de saúde reducirá a súa atención á metade, posto que un dos dous médicos xa está facendo as maletas. Non se salvan do desafiuzamento nin pequechos, nin medianos, nin grandes; incluso a finais do ano 2.012 quixo clausurar o cemiterio da Parroquia de Guillamil, que grazas a TVG non foi posible. Non sei se os de Rairiz de Veiga teñen o que se merecen, pero o que si é certo é que teñen o que votaron: unha persoa cerrada. Como dicía aquela mestra miña de latín no Otero Pedrayo“Quod natura non dat , Salmantica non praestat” . Que traducido ó galego ven a ser: aínda que a mona se vista de seda, se mona era mona se queda. Xa leva uns lustros de alcalde e se miramos para o seu palmarés vemos que cada ano que pasa o fai peor. A oposición neste concello das terras de Todea ¡¡¡ mamaciña querida !!! O concelleiro que fixo estes días saltar a lebre das desavenencias Concello-Consorcio Galego de Benestar, militante agora dunha das taifas dos benejás, debería seguir asentindo como leva facendo ata o de agora  sobre a xestión do Meteorito e dándolle biquiños ó saír dos plenos. Un famoso novelista galo do século XIX  escribía que  “quen non foi obstinado acusador durante aprosperidade, debe calar ante o derrubamento. O denunciador do éxito é o único lexítimo xusticeiro da caída”. O único que non da cerrado o Meteorito é o ollo, debe ser consciente do que lle está vindo enriba. Estase parecendo no insomnio ó inventor asturiano da báscula electrónica para pesar o peixe abordo das embarcacións, que tamén dorme dúas horas ó día. Aínda que a máis de un, quedaríalle a cara de pecho si vise unhas fotos dun coche da Consellería de Medio Rural cun axente dentro ben acurrucado que parece non pestanexar (as fotos do RIZO non son, como tampouco son as do Frijolito). A seña do tres é na brisca non no dominó, aínda que a paradiña pódese facer.