Unha nova irmandade política

Unha nova irmandade política

Máis aló do contexto socio económico de extrema gravidade e por quitarlle ferro o delicado asunto, a odisea, de chegar a fin de mes co bandullo cheíño e con todos os recibos, cotas e letras pagas, a oportunidade real, semella que o minuto cero do cronómetro do rexurdimento do panorama político galego, tal como ven de lanzar Espazo Ecosocialista, que posibilite pensar e facer as cousas dun xeito máis civilizado e racional, chámase sinceridade. E que non hai outra.

A gravísima situación social transcende con moito o ámbito das estratexias e liortas tanto das organizacións e partidos políticos como dos movementos sociais alternativos, os primeiros sometidos xa fai tempo a perda total da exclusividade mediadora cunha sociedade que xa esixe ás claras e á todos unha urxente reválida despois da indignación reformista. Agora o que compre xa é materializar ferramentas competentes, solucións inmediatas porque a auga xa nos bordou o pescozo.

Mentres uns aspiran a consolidarse e outros a non desaparecer, ocorre que o efecto colateral da medicina para paliar o autismo que están a aplicarse é que sigan gobernando os de sempre. En termos agrónomos e desde a óptica de A Limia, compre xa unha segunda e nova reconcentración parcelaria de todas as leiriñas nas que todas e todos fragmentamos o nacionalismo galego, ficando por mor das poucas virtudes dalgúns e dos moitos defectos de todos como pequenas illas na lagoa do río do esquecemento.

O agresivo contexto de sistemático menoscabo gobernamental da cobertura básica en sanidade, educación, atención ós dependentes, maiores, desempregados, así como a precarización das políticas de fomento e reactivación do emprego, debería facernos reflexionar a todos relativizando posturas e postulados nesa dirección. Se foi posible facelo na década dos oitenta do século pasado, hoxe tamén o é. Algo teremos aprendido da solvencia de modelos e frontes.

A virulencia coa que toda esta amable panoplia da austeridade do Partido Popular está a impactar na sociedade obriga a clase política cando menos a non permanecer fixada nas estratexias puntuais ou nas interesadas tácticas de partido, ou de partido dentro do partido. Compre tentar outro tipo de chanzo coa suficiente altura de miras como para non apandar coa irresponsabilidade civil engadida de non facer o propio nun contexto así. Isto si que non o mereceriamos. Sen máis nin menos presións nin obxectivos que acoutar o desastre diario no que vivimos.

E dado o descarrilamento nacional do PP de toda regra ética, serán os partidos da oposición os que teñan o monopolio do imperativo moral de transcender os propios límites estatutarios, aparcando inercias históricas ou fundacionais, tamén o inmobilismo do interese puramente competitivo e diferenciador, e sendo quen de someterse a un auténtico crepúsculo da exemplaridade facendo un chamo contundente, unha resposta social o suficientemente amplificada como para producir unha pegada tanxible que ceibe outro tipo de ollar neste país.

Superados os 6 millóns de persoas en paro, sendo os maiores destrutores de empresa e emprego de toda Europa, co dilema por enriba da cachola de se gastar os 8 euros en medicamentos ou nun polo do Coren-grill e ollando as cifras de suicidio próximas aos 3.500 casos en 2012 en España, cun 16% na Galiza, cando menos compre esixir nas asembleas, consellos,  comités, xuntanzas de traballo ou na comunidade de veciños unha chisca de sinceridade, digámonos a verdade, non hai receita máxica, mais o que si temos todas e todos é a responsabilidade, as gañas e a posibilidade de saír adiante xuntos, fagámolo xa.