miércoles 20/10/21

O ocaso dos deuses

XOSÉ LOIS CARREIRA

 “Alto me vexo no meu cabalexo, véxollos vir mais xa non podo fuxir…”.

Tradición oral galega.

Sempre que nestas datas estou de vagar achégome ata os Castiñeiros da Galiña en Parada de Ribeira. Apago o móbil, pecho os ollos, escoito… e fálanme. Falan clariño co ronco son de vellos milenarios e cunha lingua de follas, paxaros e vento. Dinme que temos que mirar máis por eles e non só tanto por Nós. Dinme que deixemos de pór pedras nas rodas do carro, tantos carros e temoeiros como nos deron as súas polas. Dinme que a pesar das diferenzas fagamos posible a grande recompensa de ser mesma parte dunha mesma loita. Dinme que sofren, que teñen medo, moito medo do lume e da morte, medo de se extinguiren sen máis despois de tantos séculos de miseria, enfermidade e esfameadas peles curtidas cunha fouce e castañas.

Medo de que finalmente marchemos nós tamén con eles e que toda vez esquecido o derradeiro bafo da nosa memoria colectiva desapareza así tamén unha vasta cultura milenaria que foi aprendida a falar cos seus castiñeiros, vestixios dun ser aínda vivo en comuñón coa Terra que o deu. Dinme que me vele do cuco da Limia, da merla branca de Baltar e das lebres de Vilar. Que preserve a intuición, a libre conciencia e o criterio propio, antídotos contra o bandullo cego, xordo e mudo. Dinme que faga os posibles por desenmascarar a falsidade, que me plante diante de todas as súas mentiras, trampas e poses. Dinme que practique tódolos días na redistribución da riqueza e na igualdade de oportunidade coa renovada fe da súa relixión da cosmogonía rural.

E xa cando imos coa despedida lémbranme que non esmoreza, que resista, sinto polas súas raíces nos meus pés o desesperado e inminente ruxir do ocaso dos deuses, dos ídolos que foron corrompidos polo propio veleno populista do falso mito, consumidos polas labaradas nas cinsas do engano, o odio e fanatismo da escura deidade da cobiza, corrompidos pola ebria violencia do poder cara os débiles, polo desprezo temerario cara todo espazo persoal alleo, corrompidos pola falla de control sobre os propios impulsos, embriagados pola violencia ceibada nas súas esaxeradas baixas paixóns, e condenados a vagar por sempre nun escuro e arrasado bosque de enfermidade, irracionalidade e desequilibrio.

E deixo a carreira dos Castiñeiros da Galiña xa cara a casa do meu pai escoitando un feble asubío que me di que aínda e con todo hai borrallo para un novo rexurdimento.

 Dedicado a Xinzo da Limia, que mereza un mellor 2014.

Comentarios