Orquestras, diñeiro e entroido.

Orquestra no Entroido en Xinzo
Orquestras, diñeiro e entroido.

Xa coa tranquilidade dos días pasados da nosa festa máis querida, non quero deixar pasar a oportunidade de expresar a opinión sobre un asunto que xerou certa polémica nos días previos ó entroido. Refírome á súa celebración en Ourense. Seguramente o seu alcalde non vaia ler este artigo. Tampouco é que me preocupe. Explícome.

O entroido non é como o Nadal. Non estou en contra de que vilas e cidades se embelezan con adornos e milleiros de luces para desfrute dos veciños e turistas que chegan atraídos por tal cousa. Os comerciantes, a hostalaría e a restauración ben agradecidos que están. Porén, o entroido non é o mesmo. Por que? Pois porque o entroido non funciona a base de talonario, traendo a orquestra máis afamada, os grupos máis actuais e cousas semellantes. Eu, de Xinzo ata o cerne, sei que en Verín, Laza, Viana do Bolo, Manzaneda, Vilariño de Conso, Maceda, Bande, Lobios, Esgos, A Pobra do Brollón..... en todas esas vilas e mais na miña o entroido non funciona así.

Teño contado moitas veces nestes artigos a miña afección a remexer entre as páxinas de xornais antigos na procura de noticias sobre a miña vila. Podo asegurar que teño un bo feixe delas, perfectamente clasificadas e gardadas. Por suposto, non faltan as que se refiren ó noso entroido.

En moitas delas, falan das actividades que se celebran na vila. Por exemplo, na publicada no número 640 do xornal El pueblo gallego, en data do 17 de febreiro de 1926, contasenos que se “celebran bailes en el Casino Antelano y el Café Club, amenizándolas dos bandas de renombre en la comarca. También en el Club Tumpinamba hubo los correspondientes bailes, amenizados por una gaita del país.”

Como se ve, a afección de contratar orquestras vén de lonxe. Porén, todas as noticias reflicten o grande ambiente que hai nas rúas neses días. Nesa noticia de antes, fálase claramente de que “hay mucha animación en esta villa”. Porque o verdadeiro entroido está nas rúas, ateigadas de xente, animada, en troula permanente. Para entendelo, hai que vivilo en primeira persoa.

A calquera dos limiaos ou dos habitantes desas vilas que nomeei antes non fai falla explicarllo. Mais hai que facelo ós que pensan que, con diñeiro, seguramente poderán contratarse afamadas orquestras e organizar un bo carnaval. Un carnaval, talvez, mais nunca un entroido. Un entroido é algo diferente. Un entroido é algo implícito na alma das persoas de todos eses lugares. Para todas elas, como ben dicimos e cremos os limiaos, o entroido é un sentimento. E os sentimentos vívense, non se mercan con cartos.