OUTRA DE MONICREQUES

OUTRA DE MONICREQUES

IMG-20151221-WA0014Jean–Paul Sartre contábanos que no ano 1.787, nunha pousada preto de Moulins, morría un vello amigo de Diderot, formado tamén polos filósofos. Os cregos da bisbarra estaban extenuados; intentárono todo en van; o bo home non quería os últimos sacramentos, era panteísta. Un tal señor de Rollebon, que pasaba por alí e non cría en nada, apostoulle ó abade de Moulins que lle chegaban dúas horas para converter ó doente. O cura aceptou a aposta e perdeuna. A tarefa empezou ás tres da mañá , o enfermo confesouse ás cinco e morreu as sete. É vostede tan hábil no arte da disputa? - preguntou o cura - Avantaxa ós nosos! –Non disputei – respondeu Rollebon-. Fíxenlle temer o inferno.

Ó noso querido José Joaquín, coñecido como o Meteorito, tampouco hai xeito nin maneira de convencelo de que o seu tempo no Concello de Rairiz de Veiga rematou. Nin a oposición, nin os tres tenentes aínda sen mando en praza, nin algún que outro veciño, que o invitan a que descanse (por non lle dicir que xa lles fede velo de diante), dan feito bo del.

Os seus veciños da porta estaban ilusionados por comer unha anada de amorogos que ían saír do seu invernadoiro, moi escasos nestas últimas colleitas polo seu celo municipal. Pero xa se deron conta que debaixo do plástico segue habendo pouca actividade. Como o pan non se lle coce, todo o tempo lle é pouco para coller a chave e ir visitar a Casa que o viu medrar; aconsellar ós seus inquilinos e meter o nariz no pote, por si se remexe a caldeirada ó outro ser.

Ben seguro que Rollebon o convencería de que hai vida máis alá da corrupción, da prevaricación…. Facéndolle ver que tamén máis alá de Ourense, na estrada que vai ó Alto do Couso, atópase Pereiro de Aguiar.

É María de la Asunción que …..? Pois de momento manterse na mesma postura ca aquel rucio que tiña Sancho Panza e que lle roubara Ginés de Pasamonte. Cando o atopou, dicíanos Cervantes, que o asno calaba e deixábase bicar e acariciar por Sancho, sen responderlle palabra algunha.

ILDUARA DE GUTERRI