Os outros feirantes

outros feirantes
Os outros feirantes
A feira do día 27 nace na vila da Limia a principios da terceira década do século XX. O por aquel entón...

A feira do día 27 nace na vila da Limia a principios da terceira década do século XX. O por aquel entón alcaldeAlfonso Nieto, en vésperas da ditadura militar de Primo de Rivera, dálle un pequeno pulo ó comercio comarcal e beneficia ó mesmo tempo o agro limiá.

Tratantes, pulpeiros, taberneiros, augadores, oveiros, doceiros, baratilleiros … non só se citan na ancestral feira do 14, senón que a oportunidade do negocio acúrtaselle no tempo.

 Nestes intres  en que a compra en especie xa enxeitou e marcan os tempos as nóminas a fin de mes , e aínda moito máis , as congruas estatais ós nosos xubilados, a do 14 mellora a do 27. Amaioría da xente que vive na nosa comarca o Gadis e o Eroski sóanlle a cousa de antonte. Seguen sendo seareiros destas dúas citas mensuais. O espírito feiral segue vivo.

Aquelas vacas de cornos simétricos, cascos nivelados, ubres redondiños, pelaxe coruscante e badanas ben caídas, xa non podemos ir as feiras para velas. O que si atopamos en  todas é uns druídas, cunhas marmitas de cobre da que sacan uns estraños seres e, valéndose dunhas tesoiras, vannos estirando nuns atávicos pratos.

Gustosos deste exquisito mantemento, ollei na última feira do San Xoán a dous ínclitos personaxes da política municipal limiá. Eran, nin nada máis nin nada menos, o Tony Pérez e o José Joaquín coñecido entre nós coma o Meteorito. Estrañoume ver comer no mesmo prato ó alcalde de Xinzo cun cubano.

Igual que o cónsul Escipio non recompensou ós traidores de Viriato, non me entra nos miolos como o rexedor de Xinzo, o home dos grandes proxectos nestes dous anos que leva de lexislatura (falaba el nunha recente entrevista do arranxo dos fornos, levoume a dubidar que si en Xinzo existían altos fornos coma en Biscaia ou Sloss) estivese picando na tallada cun cubano.

Parece ser que viñan os dous a facer boa feira. Ninguén os viu cunha zanfona cantando as falcatruadas que suceden nos seus concellos, nin os amores dunha antiga doncela. Tampouco os viron de trileiros nin de charlatáns ( iso só é cada catro anos). A súa estancia no trabanco do Pucho non nos xunguiu máis cos seus respectivos secretarios. O Tony Pérez 17 informes de reparo e o Meteorito 88. Foi simplemente compartir experiencias e conversar sobre o porvir.

Álvaro Cunqueiro contábanos na obra Os outros feirantes que o vello Peleteiro da Bouza, que toda a vida andou en preitos, facíalle confidencias ao galo; nin a familia nin a veciñanza o aturaban. As recomendacións fallidas e as sentencias contrarias acompañárono dende que tiña uso de razón, o que o levou a un grave quebranto do seu capital que fora moito.

Neste caso as facendas do Tony e do Meteorito non perigan, rexen concellos saneados e solventes (ver débeda dos concellos ourensáns no 2.012) e o interlocutor e perfecto ( consolo de moitos consolo de bobos). Só lle aconsellaría que desistiran en facer unha boa feira ( que no que se leva visto é unha ruín  feira) simplemente que se dediquen a feirear.