Paisaxes Proscritas

Paisaxes Proscritas
Paisaxes Proscritas
Neste espertar da primavera que agora vivimos asoma aos nosos montes unha especie proscrita,  a mimosa (acacia dealbata),  coma se...

Neste espertar da primavera que agora vivimos asoma aos nosos montes unha especie proscrita,  a mimosa (acacia dealbata),  coma se saíse dun longo letargo,  e sentise necesidade de presumir do seu intenso recendo e da súa vistosa plumaxe marela.   En constante expansión permanece agachada, case mimetizada ao longo do ano, para este estoupido momentáneo de color, que configura unha paisaxe ben singular.

A paisaxe é a percepción (sempre subxectiva) que temos do contorno físico, próximo ou aleixado, coma algo exterior a nós, e capaz de provocar emocións.  Conforman a paisaxe tanto os elementos naturais coma os creados polo home: o “saltus” (topografía, clima, solo, auga...) o “ager” (vexetación, agricultura, parcelario...) e o “hábitat” ( construcións, espazos públicos...).  Polo tanto o concepto non se cingue exclusivamente ao medio natural, senón tamén ás paisaxes urbanas.

Segundo isto, a paisaxe varía ao longo do tempo, tanto por fenómenos naturais coma por feitos antrópicos, e lugares que interpretamos coma idílicos neste momento non sempre foron así.  As paisaxes galegas variaron radicalmente no último medio século, e segundo se pode constatar coa ortofotografía do voo americano de 1957, unha grande porcentaxe de superficie que agora está a monte, eran daquela terreos de cultivo.

Quero volver ao odio que cada día máis suscitan especies invasoras coma a mimosa, para facer esta pequena reflexión sobre a paisaxe e os nosos montes, aínda sabendo que vou contra corrente.  O decreto 1628/2011 regula as especies exóticas e invasoras, incluíndo no catálogo á mimosa; e se vostede coma min ten unha no seu xardín, saiba que non comete un delito, pero pouco lle falta, e  ten que mantela recluída case coma se tivese unha fera.

Non deixa de ser un paradoxo, que teñamos que culpar a certas especies vexetais, e facelas protagonistas de leis para protexer o medio. Dende o punto de vista estético as paisaxes mimosas non son son peores que as de eucaliptos, e a súa madeira ten condicións moi boas para a intemperie.

O que realmente penso é que neste país en que as vilas e as cidades semellan campos de refuxiados dos que foxen   do rural, e nos que os montes perden todo interese produtivo, o máis lóxico é que as especies que mellor se adaptan ocupen o baleiro que deixamos. Seguro que son útiles estas leis que regulan as especies invasoras, pero eu boto en falla leis que protexan o noso mundo rural e os nosos montes do abandono sistemático, e seguro que resultarían innecesarias as outras.