Palabras que significan moito

Palabras que significan moito

\“Hai palabras que significan moito, como un apelido. Fala de onde vés, da túa forma de ser, dos teus valores. Un dos nosos apelidos, Fenosa, comprométenos con Galicia. Un apelido do que nos sentimos orgullosos\”.

Este texto está tirado dunha campaña publicitaria de Gas Natural Fenosa que, se a miña memoria non falla, comezou no ano pasado.

Mesmo na súa web dise: \“O noso apelido comprométenos co medio, a cultura e o progreso da nosa terra\”.

Non vou falar de tarifas eléctricas, nin de números; vou falar de palabras, de palabras que para min significan moito, como son as da miña lingua. Palabras que para esa empresa, quizais non significan nada. E que non é a única. Quero ser eu, quero que me fagan sentir como me sinto eu.

E non, non pode ser. Non pode ser que esa empresa, tan comprometida con Galicia, tan orgullosa do seu apelido, non me poida emitir as miñas facturas en galego. Non pode ser que despois de tres solicitudes, ninguén se dirixa a min en galego. A cuarta, a cuarta si que foi a vencida, mais para unha nova negativa. Porén, esta si que en galego, na voz dunha rapaza moi convencida que me deixou perfectamente claro que eu tiña dereito a ter as miñas facturas en galego, mais que iso non era posible, o \“sistema\” non permitía facer o que eu pedía. Nin sequera mencionou un \“aínda\”, nin iso. Pregunteille se o permitía en catalán. Non me fixo falla a resposta. Somos nós, pero non somos nós. A min fáltame algo. Non quero ser máis que os demais, só quero ser eu. E sinto que as veces non me deixan.

E o caso que veño de contar non é o único. Hai un par de anos enviei unha reclamación a Zara, empresa galega, ou iso creo. Porque un, ás veces, xa non sabe. Xa dubida. Eu escribina en galego. Ao departamento de atención ao cliente, na súa sé na Coruña. E nada. A resposta chegou en castelán. Non habería ninguén que soubese contestarme en galego? Difícil de entender nunha empresa tan grande.

Teño as facturas da auga en galego, as do teléfono. O caixeiro automático \“fálame\” en galego. E a miña subministradora de enerxía, unha enerxía que se produce nesta terra, para a xente desta terra, da \“súa\” terra segundo din nos anuncios, non pode dirixirse a min na miña lingua, non pode escribirme a min en galego. \“Tomamos nota da súa queixa e deixámola na súa ficha de cliente\” iso foi o que me dixo a rapaza que me chamou por teléfono. Pois eu tomo nota e fago pública a miña queixa. Será que todos os apelidos galegos do anuncio xa non existen? Non sei, mais, para min, as palabras significan moito. E os feitos, tamén.

Rafael Laso