Papar a mosca

pulpo-a-feira-shutterstock_138144395
Papar a mosca

Das moitas lembranzas que gardo do meu tío Antonio, máis coñecido polo nome de Toniño Moca, son as palabras que dan título a este artigo. Cando, na época do verán, me pillaba parado sen facer nada dicíame sempre se andaba a papar a mosca. Esta expresión, común na miña vila, téñoa escoitado poucas veces por outros lugares. Se a traio hoxe aquí, é porque esta semana comecei as vacacións e, seguramente, algún día cometerei ese pequeno pecado de non facer nada, sentarme nunha cadeira na terraza da miña casa e contemplar a ría na escuridade ou ollar para a lúa se ten a ben saír de paseo.

file_20141016111728

Como arranque das vacacións, onte achegueime a miña vila co meu fillo. Sendo vinte e sete e feira, era inevitable caer na tentación de ir xantar o polbo e a carne ó caldeiro xunto cos meus pais e outros familiares. Pasar unha marabillosa sobremesa de parola coas persoas que queres non ten prezo. Inda que, penso eu, ás veces sexa polo simple pracer de escoitar. O de ser larpeiro, é tamén un deses pecados pequenos que irá sempre canda min. Dende que me fixen maior, acostumei a dividir os pecados dun xeito moi distinto ao que nos aprendeu o Chencho na catequese. Para min hai pecados pequenos e pecados grandes. Os grandes son aqueles que non se deben cometer nunca. Porén, na categoría de pequenos entran todos eses outros cos que non facemos mal a ninguén e si moito ben a nós mesmos, como por exemplo o papar a mosca ou picar canta lambetada se nos poña diante.

O conto é que xa levo tres días de vacacións e aínda non tiven tempo para pecar papando a mosca, mais tempo haberá... Seguro. Nestes días eu procuro erguerme cedo, para que os días duren un pouco máis e haxa tempo de facer máis cousas, como por exemplo un xogo que lle propuxen o pasado luns ao meu rapaz: a ver quen dos dous le máis libros de aquí a finais de agosto. Espero ganar, inda que sexa para compensar as partidas de xadrez e xogos varios que xa levo perdidas con el.

O verán é moi longo (as vacacións máis ben curtas) pero aparecerán novamente eses días de calor nos que as temperaturas convidarán a pouco máis que ir bañarse na praia. Falando de temperaturas, voulles traer aquí unha noticia que atopei na páxina dous do xornal El Correo de Galicia : Diario independiente de avisos y noticias, do día dezasete de xullo do ano 1903 e que nos conta que Juan Francisco Dapena, veciño de Vilar de Santos, faleceu vítima dunha insolación namentres cargaba un carro de herba.

Atopei tamén outra noticia interesante sobre un roubo no comercio de Alonso Nieto na Praza Maior, pero esa contareilla noutro artigo. Agora vou papar a mosca un pouco.

Rafael Laso