Parabéns ós 40

447
Parabéns ós 40

447Xa durmen todos na casa; escoito o son do tic tac do reloxo da cociña, mentres observo os poucos minutos que me quedan para cambiar de década. Levo todo o ano mencionando o tema, incluso atrevéndome a resaltar, ca aprobación de moitos, que estou no mellor da vida. Pero agora, neste intre, síntome como unha especie rara á que están a piques de recoller nunha nave espacial ou algo así, para dar contas do que leva feito na vida… é unha sensación moi, moi extraña.

Non sei porqué penso que pode ser o ecuador dos meus pasos na terra, hoxe en día é un luxo vivir alomenos ata os 80, pero non é doado pensar así, que xa pasou a mitade.

Moitas cousas que tropezaron nos meus días, como nos de calquera de a pé, días que empezaron con miradas de alegría e remataron con auga salada percorrendo a fazula, ou do revés, moitos amenceres rodando case para saír da cama que acabaron sendo días de instantes de intensidade e felicidade infinita.

Os anos de instituto, de universidade, os de soidade, días sen estudar nin traballar,(non por non querer, senón porque non se podía ou non había en qué), os de traballar sen descanso, os de durmir todo o día, os de non durmir.

Cando tiñamos mil pandillas de colegas, e agora contamos cunha man os amigos de verdade, os que sempre están, eses que estarán dentro dunhas horas… os que xa non están porque o destino non o quixo así. Celebrarei en sonos que tomamos unha copa (ou un cafeliño) con moitas verbas e gargalladas, iso seguro.

Nosa xeración pasou moitas, e así dirán os de outras, pero os do 77 estamos de volta de saber que é o non poder saír porque non eran tempos de discoteca para nós… ata chegar a unha independencia de 30 anos vivindo a noite, o que non beneficia moito para acougar os nervios cando os nosos pequechos empecen a atravesar de madrugada as rúas, non me digades, nos anos de xuventude dos nosos pais, isto non era nin a metade, nin será agora unha pizquiña dos vindeiros anos, mellor non pensalo;

Mellor non pensar moito en xeral nas cousas, ou no que estar por chegar, por vir, por vivir… porque, volteando as neuronas que me quedan ó pasado, comprobo e aseguro que case todo o que me pasou nestes anos, estaba sen planear, e moitas veces quixen facelo, non viña de mais intentar controlar o acontecido, pero iso nunca sucede, e velaí unha das grandes vantaxes de cumprir anos: darse conta que o tempo é o único que non volta, o tempo e as persoas que nos regalan o seu, os seus minutos, os seus sorrisos, esas persoas que contamos cos dedos da man como vos dixen, pero que non se vician da sociedade en que vivimos e seguen crendo nos valores que nos inculcaron un día.

Así que mañá, ó espertar, irei a correr media hora, almorzarei froitas, botarei miñas cremiñas, unhas flexións na casa, e… oh oh… penso que chegou a nave a abducirme…

Mañá, o espertar, voltarei eiquí, co meu café, sentireime afortunada de seguir escoitando o tic tac do tempo, ó mellor acércome á fiestra a ver amencer mentres sinto os primeiros pasos pola casa, tal vez chegue algunha felicitación, e volta a empezar, a vivir os momentos mais intensos, ou desfrutar dos que traen paz… e saír da casa con paso firme; quen sabe se volto aprendendo algo novo, porque seica din que o mellor está por vir, pero xa vos digo (con moita humildade), que non, que o mellor é o agora, o aquí, o presente… non maquinedes moito no futuro e aproveitade o que vos faga feliz como si fóra un intre na vida, abrazade a quen queredes como si fora a última vez, e sacade o sorriso inda que doa, inda que custe, inda que poidan as penas… Non vos enganedes, o imposible é aquelo que non intentamos.

Así que a cumprir moitos mais, moitos segundos mais.

--

Diana Budiño Calvo