O Partido Xudicial de Xinzo xa ten unha Plataforma de defensa promovida pola CIG

O Partido Xudicial de Xinzo xa ten unha Plataforma de defensa promovida pola CIG

Este novo colectivo conta tamén co apoio do BNG, CxG, SLG e do Concello de Vilar de Santos

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Convocados polo sindicato CIG, compareceron esta tarde na Casa da Cultura de Xinzo de Limia representantes do BNG, de CxG, do SLG e do Concello de Vilar de Santos para segundo explicaron fontes do propio sindicato, “analizar as consecuencias que terá para a comarca a aprobación do anteproxecto de lei do poder xudicial, que prevé a supresión do partido xudicial de Xinzo e a súa integración no Tribunal único de Instrución de Ourense”. Así e despois dun debate entre os presentes, decidiron constituír unha Plataforma en defensa do Partido Xudicial de Xinzo de Limia.

Ademais deste acordo principal, a recén creada organización xa fixou a súa primeira convocatoria para o próximo mércores 23 de abril, ás 20 horas na propia Casa da Cultura. Nesta primeira cita esperan novas propostas de integración na Plataforma, e ideas para a creación dunha campaña informativa para a cidadanía sobre a supresión do Partido Xudicial. Para esta próxima reunión, os membros deste novo colectivo agardan o apoio do resto dos alcaldes da comarca así coma dos representantes de PSOE e PP, segundo a propia CIG “pola importante que para a comarca ten o mantemento do Partido Xudicial, á marxe dos intereses partidarios que poida lexitimamente ter cada organización”.