Pateras no Limia

Pateras no Limia
ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE

 - "Chega a Melilla unha patera con 16 subsaharianos a bordo"

-"Intento de entrada masiva de inmigrantes"

-"1.500 inmigrantes tentan salta-lo valado fronteirizo de Ceuta"

Tristemente, dende hai anos erguémonos con titulares tan estremecedores coma estes.

A esperanza desesperada do mal chamado terceiro mundo, maila falta de escrúpulos de organizacións á marxe da lei, fan que milleiros de persoas traten de chegar a Europa, mesmo co risco de perde-la propia vida no intento.

Laiámonos ó ve-las facianas dos inmigrantes, cheas de tristura do outro lado do valado fronteirizo, cada vez que tentan saltalo sen conseguilo.

Os que por fin poñen os pés nesta beira do mundo, brincan de ledicia sen saber aínda  como vai se-lo seu futuro na terra desexada.

Pois ben, isto que nos semella moi lonxano, non hai moitos anos que o tiñamos os limiaos a carón de nós, aínda que o tempo se encargou de o ir borrando da lembranza colectiva.

Gran parte da poboación da Baixa Limia que emigrou cara Europa a finais da década dos anos cincuenta, principios dos sesenta, elixiu como destino Francia. Cecais por mor de selo destino dos primeiros que marcharan e viñeran dicindo  que lles fora ben alá.

Moitos portugueses dos núcleos poboacionais da raia, tales coma Pitoes Das Junias, Tourem, O Gerés etc., desexaban segui-lo roteiro dos seus veciños galegos alentados polas noticias dunha mellor vida e da abundancia de traballo.

A pobreza, a fame e a necesidade de gaña-lo pan, eran un bo caldo de cultivo para os timadores e farsantes que estaban sempre á espera da oportunidade de se aproveitar das debilidades dos máis indefensos.

Nunha aldea do Concello de Muíños, un delincuente da época, do que vou omiti-los datos de identidade, argallou, coa complicidade duns portugueses un plan para pasar xente de Portugal a Francia.

Desprazábanse a pequenas aldeas do outro lado da raia e por un módico prezo, xuntaban pequenos grupos de xente disposta a cruzalos Pirineos.

Chegado o día da marcha, partían das súas aldeas  coa pouca roupa que tiñan dentro dunhas maletas de madeira e cunha broa de pan millo, acompañados por este falso guía que os había levar a Francia en catro ou cinco días.

A viaxe transcorría sempre de noite, para que os camiñantes non tiveran en ningún momento referencia do lugar no que se atopaban, nin contacto con persoas que os poideran advertir do engano.

Cruzaban a fronteira ás agachadas e baixaban polo monte deica o val do Limia. Polo día permanecían acochados en escondites habilitados para tal fin.

Camiñaban pola beira do Encoro das Conchas, contracorrente cara a ponte Soutela. Aquí o río estréitase e atravesaban a ponte para o lado do concello de Bande. Ó chegar a Garabelos, voltaban pasa-lo Limia polo poldrado cara Güimil e Lovios de Sever. A noite que avanzaban máis do previsto, daban varias voltas, pola zona ata perde-lo tempo que adiantaran.

A derradeira noite, camiñaban deica a Ponte Liñares. Do outro lado, xa estaba Francia, a terra soñada, o paraíso...

Debían cruzala ponte sós,  calados e de un en un, para non seren vistos polos gardas da fronteira. Xa da outra beira do río, terían que camiñar polo monte, deica que nacera o día.

Os desalmados contrabandistas de persoas, fuxían cos cartos no peto, mentres os inmigrantes camiñaban sen tino polos montes de Congostro ou A Saínza, mesmo algúns aparecían cara o lado de Bande ou Celanova. Tardaban uns días en se percataren de que foran enganados, pois o medo a seren deportados, facía que tentaran alonxarse o máis posible da fronteira " franco-española."

Cansos, con fame, coas chancas esnaquizadas, avergoñados e sen diñeiro para voltaren, acababan traballando en casas de labranza galegas polo caldo...