A paus na lingua

A paus na lingua
ILDUARA DE GUTERRI

No 2.014 cumprirase o 150 aniversario da publicación da primeira Gramática da lingua galega que nos veu da man de Francisco Mirás. Catro anos máis tarde publicaba Saco e Arce a primeira edición da súa Gramática, moito máis elaborada ca do primeiro, e da cal beberían os gramáticos posteriores.

A máxima: “menosprezar a lingua é menosprezar ao pobo que a fala”, motivou ao clérigo de Alongos para iniciar tan ardua empresa. Un eido de traballo no que a bibliografía ao respecto non existía . Nembargante os pulos de dignidade que se merecía o noso idioma levou a Saco e Arce percorrer a xeografía galega, sobre todo a ourensá. Esforzouse en recompilar nun tratado aquelas verbas, conservadas nas gorxas da xentiña das aldeas, non contaminadas polo castelán. Porque dende a vitoria dos Trastámara a mediados do século XIV e coa axuda posterior da imprenta, do proceso de alfabetización e dos mitrados casteláns que ocupaban as sedes de Galicia, a tinta non sabía o que era a lingua galega.

Hoxe, por sorte, o idioma galego fálase, escríbese e lese nos centros educativos. Contamos cunha gramática e un dicionario normativo. Así e todo a lingua segue recibindo paus, e cando estes veñen de organismos públicos a dor é meirande. Estacada tras estacada daba o concello de Xinzo de Limia nun comunicado que facía a DENDEALIMIA e que vostedes poideron ler. Dito escrito quedaba a anos luz de pasar a reválida de cuarto de primaria proposta polo señor Wert.

Lendo o comunicado véuseme á lembranza cando no Seminario Conciliar de Ourense (onde estivera matriculado un século antes durante tres cursos Saco e Arce) estaba de profesor un egrexio músico que hoxe en día ten unha rúa dedicada na cidade das Burgas. Contábame un tío do meu pai, que aquel mestre non comprendía como un dos seus alumnos, de deces en todas as disciplinas, non era capaz de subir de do a re. Pasados os anos aquel avantaxado estudante chegou a catedral de Ourense, loxicamente non de chantre nin de organista, senón de mestre escola . E con gran ironía dicía el mesmo que o bo músico é aquel que non se repite.

O concello debe ser da mesma idea có cóengo de Razamonde. Pensará que o bo relator é aquel que non se repite. Senón fíxense, por exemplo, nun dos parágrafos do logrado escrito:

“Declaramos que esta acto foi un plante a toda a cidadanía, os membros do plenario, aos medios de comunicación, e a o pobo do Concello de Xinzo de Limia”.

Agora que se acerca o día dos reis sería un bo agasallo, para a oficina de prensa, unha Gramática da Lingua Galega. E máxime, cando no equipo municipal está un antigo profesor de lingua galega do IES Cidade de Antioquía. Aínda que vendo os comunicados que emite o concello, tanto no seu fondo coma na súa forma, máis ca en gramática galega a súa especialidade debe ser a gramática parda.