O PAZO DO TELLEIRO, UNHA OLLADA AO PASADO (Capt.1)

O PAZO DO TELLEIRO, UNHA OLLADA AO PASADO (Capt.1)

Hoxe en día o Pazo do Telleiro e os seus arredores están silenciosos....

pazo 2Hoxe en día o Pazo do Telleiro e os seus arredores están silenciosos mais entre as súas paredes resoan os ecos dun pasado de gloria. Escóitase o murmurio do vento que xoga coas póla dos árbores e a herba. A hedra cobre gran parte da fachada principal adornando a pedra coas súas follas dun verde clariño, as arañas tecen as súas teas nos recunchos máis insospeitados e as ras descansan ao sol felices nos lavadoiros. Ninguén imaxinaría as lendas e acontecementos pasados que esconden estas frías paredes de pedra. Dende armas agochadas baixo as lousas do soto ata visitas nocturnas do mesmísimo anxo caído. Case catro séculos despois de que se puxera a primeira pedra, a porta do pazo ábrese de novo para mostrarnos os seus segredos.

Preto de onde en tempos se achaba a lagoa de Antela, rodeado do que agora son campos de cultivo, érguese maxestuoso o Pazo do Telleiro. Situado no concello de Sandiás, na provincia de Ourense, o pazo pasou por diferentes mans dende a súa creación ata o día de hoxe. A parte máis antiga do pazo dato do século XVII. Foron Don Tomé Añel, natural de Vilariño de Couso, e Dona Catalina Rodríguez, natural de Sandiás, os que puxeron a primeira pedra hai máis de 400 anos. As Casas do Telleiro ou Fortaleza do Telleyro, nomes cos que tamén se coñeceu en tempos este pazo, permaneceu durante anos en mans da liñaxe dos Añel. Co matrimonio entre Dona Xoana Añel y Arce con Don José de Cea y Avalle, o pazo pasa á familia dos Cea. Eduardo de Cea y Naharro, barón da Casa Goda, foi o último dono do Telleiro da súa liñaxe e actualmente o pazo pertence á familia Cabrera. Hoxe en día, se os fundadores do pazo visitasen a facenda, pouco recoñecerían dela. O pazo foi sufrindo diversas ampliacións e modificacións durante os séculos XVIII, XIX e XX pero segue constituíndo en si mesmo unha obra de arte, dende as súas escaleiras de pedra ata o escudo labrado. No seu momento de máxmo esplendor, o pazo estaba rodeado de grandes extensións de terreo pertencente aos donos do Telleiro. Ademais do edificio principal, o pazo contaba cunha fonte que levaba auga para os tres lavadoiros que se atopan na parte baixa da finca, unha capela e un pombal. Parece ser que a capela foi derruída na década dos cincuenta do século XX con fins agrícolas.

pazo

Esta capela estaba adicada ao Neno Xesús de Praga e gardaba unha imaxe del de plomo. Ademais, nesta capela, atopábanse dúas imaxes policromadas da Virxe e do Sagrado Corazón, que pasaron á disposición da familia Cea antes do derribo. O pombal e a fonte continúan aínda en pé, pero xa non se lles dá o mesmo uso. O edificio principal, o pazo propiamente dito, segue en pé pese as numerosas modificacións. Construído en granito, o edificio ten un aspecto sobrio e imponente. A planta ten forma de \“u\”, deixando un patio interior ao que se accedía a través dun corredor aberto. Hoxe en día, a hedra rube pola pedra dende o banco ou \“mazadoiro\”, que nun principio se empregaba para subir ás cabalerías e máis tarde para mazar o liño.