PÉPÉ

padre carballo
ILDUARA DE GUTERRI As que estudiamos naquel entón o bacharelato nalgún dos escasos institutos da capital, nos que  se sentaban nos...

ILDUARA DE GUTERRI

As que estudiamos naquel entón o bacharelato nalgún dos escasos institutos da capital, nos que  se sentaban nos seus pupitres alumnos chegados de todos os recunchos da provincia, pasados os anos cando escoitamos algún apelido, situámolo rapidamente na xeografía ourensá: un Meixengo na Arnoia, un Cacheiro en Cartelle , un Marnotes no Carballiño ou un Penín na Limia. Algo parecido sucede cos nomes propios das persoas . Unha Erea ou un Ían non lle botamos máis de dez anos, igual ca un Rudesindo ou unha Blandina metémolos no pelotón dos xubilados. Do mesmo xeito que os apelidos nos sitúan no espazo os nomes colócannos no tempo.

Hai un nome que se puxo de moda na Limia ultimamente. Aínda que é un xeito de nomear que leva moitos anos presente entre nós, o certo é que non aparece escrito nin nos rexistros civís, nin tampouco nos eclesiásticos. Un frade e unha sociata colléronse da man para darlle un pulo a tan escoitado nome pero descoñecido na grafía.

A monseñor José Carballo, recen nomeado arcebispo titular de Belcastro, nunha entrevista, cando  lle fixeron a pregunta de cómo lle chamarían a partir de agora, el respondeu: “chámame Pepe” . O que levou a partir daquela a que nalgúns medios de comunicación, sobre todo do ámbito eclesial, se dirixan a el como o “chámame Pepe”.

A exdirectora do Instituto da Muller, ó parecer tamén escolleu este apelativo cariñoso e familiar para a súa cría. Estou segura que o decidiu ela, como boa socialista e leal as siglas e principios do partido (yo decido) .

Pepe é o hipocorístico do nome propio masculino José que provén de Pater Putativus; igual que ó Pater Comunitatis, atribuído a San Francisco de Asís, deu lugar ó hipocorístico Paco.

O nome de Pepe sobre o papel, ten a dificultade a nivel internacional de que se lle poden pronunciar os es cerrados, polo que sería conveniente o porlle o til á francesa para que o nome non se dereitice. Porque se escoitamos: “ O fillo Pepe (vogais pechadas) da socialista….” parece que xa comezan a existir diverxencias no lar.

Paco parecería un nome máis acertado, non ten tanta dificultade fonética; e ó que lle apetecese podería chamarlle tamén Pachi. Non se rompería ca lealdade as siglas e principios socialistas. Aínda que ten a dificultade de que Paco tamén se chama o querido, acolledor e dado alcalde que foi de La Coruña, deica o intre en que o Pepelu o enviou á Cidade Eterna.

Agora ben, menos mal que non elixiu Albert, rematado en t ou en o; converténdose así nunha deslealdade ás siglas e principios socialistas que raiarían o escándalo público e a apertura inmediata dun expediente. Isto suporía unha desgraza para os intereses da Limia, tan ben defendidos no congreso nos tempos de seca.