PEREZ BOUZA: Por un pacto galego para poñer en valor o monte e loitar contra o lume

PEREZ BOUZA: Por un pacto galego para poñer en valor o monte e loitar contra o lume

XOSÉ MANUEL PÉREZ BOUZA

Resulta evidente que a culpa de que haxa incendios é de quen lle prende lume ao monte, pero igual de evidente resulta para min que a responsabilidade de que eses incendios arrasen cada ano miles de hectáreas, é de quen goberna a Xunta de Galicia, neste caso o PP, por ser ésta a administración que conta con competencias exclusivas nesta materia.

A pesar de terse consumido miles de millóns de euros, antes co Plan INFOGA e agora co PLADIGA, levamos máis de 20 anos de continuos fracasos na loita contra o lume derivados dunha mala política forestal, e unha ausencia total de labores de prevención e de iniciativas que poñan en valor o noso monte e o conxunto do medio rural, variables estructurais que ao meu modo de ver son causas fundamentais que explican este fracaso.

Por se isto fora pouco , hai que engadir outras medidas máis de carácter conxuntural, como é o caso da continua desprofesionalización dos recursos humanos (coa volta á contratación de brigadas por parte dos concellos, onde os traballadores non contan en moitos casos nin coa experiencia nin coa formación mínima para un traballo de alto risco), e a privatización do operativo de loita contra o lume, así como a descoordinación (nun lume poden actuar medios pertencentes a 12 administracións, organizacións ou mesmo empresas privadas distintas), medidas que introduciu nas últimas campañas o Goberno da Xunta de Galicia, que ten contribuído a que o fracaso das políticas de loita contra o lume sexa aínda máis claro.

Que o fracaso resulta evidente, poucos o discuten, poucos serían capaces de defender o contrario; pero se queremos porlle solución a este gravísimo problema medioambiental, pero tamén económico, non abonda con criticar o que se fai mal por parte do PP, senón que as outras organizacións políticas teñen a obriga de aportar solucións, se de verdade lles preocupa esta dramática situación que se repite cada ano e que, ademais de autodestruir o noso País, dá unha pésima imaxe exterior de Galicia.

Esta situación tampouco se soluciona só con incrementar as medidas represivas para os que prenden lume, nin facéndolle pagar os danos ocasionados polos incendios, ou os gastos de extinción, ou pedíndolle aos cidadáns que exerzamos de Policía, como propón Feijoo, medidas ás que eu non me opoño, pero que son absolutamente insuficientes para empezar a porlle solución a este grave problema. Son insuficientes, non porque o diga eu, senón porque non chega ao 1% os responsables de prender lume ao monte que acaban sendo xulgados, resultando un número absolutamente insignificante os que acaban sendo condenados. Cada ano hai miles de incendios en Galicia, pero son detidas como sospeitosas pouco máis dun cento de persoas, das cales máis da metade nin tan sequera acaban imputadas por falta de probas; das que son imputadas só unha mínima parte son xulgadas, sobrando os dedos dunha man para contar as que acaban condenadas en firme. De que vale que estas condenadas en firme, no canto de ser condenadas a 4 anos de cadea, o sexan a 6, ou de que teñan que pagar os gastos de extinción e as perdas ocasionadas polo lume, se na maioría dos casos se declararán insolventes?. Vale de pouco, por non dicir de nada.

Para rematar con esta grave situación fai falta pois, pór en marcha medidas de moitísimo máis calado e que, ao meu xuízo, deberían formar parte dun gran PACTO GALEGO PARA PÓR EN VALOR O MONTE E LOITAR CONTRA O LUME; un pacto no que deben estar as comunidades de montes, os partidos políticos, as organizacións agrarias, os grupos ecoloxistas, os profesionais do sector forestal, a industria da madeira, os cazadores…; un pacto de obrigado cumplimento, que que debe estar reflectido nunha Lei aprobada por consenso no Parlamento Galego, na que se recollan as medidas a tomar para acadar a medio prazo unha valorización do monte e facer máis eficaz e menos costosa a loita contra o lume en Galicia.

Son moitas as cuestión que se deberían formar parte dese Pacto, pero cando menos coido que hai varias que son imprescindibles, se queremos cambiar de vez esta situación:

* reestructuración do terreo forestal, reducindo o número de parecelas actuais, co obxectivo de que a súa explotación poida ser rendible.

* ordenación do territorio, definindo a que tipo de actividade se adican os diferentes espazos: producción de madeira, pastos, apicultura, caza …

* modificación do enfoque dos investimentos e dos traballos do operativo de loita contra o lume, desestacionalizando as súas labores e implementando medidas que fagan posible nun futuro inmediato adicar máis investimento e esforzos á prevención e á vixiancia e menos á extinción.

* profesionalización do operativo, que debe ser público, cun número estable de efectivos ao longo do ano, e ter un mando único, para evitar a descoordinación, a falta de formación e que a burbulla da economía do lume non siga medrando ano a ano.

* apoio da posta en marcha de proxectos singulares que poñan en valor o monte, e de medidas que permitan que se poidan pór en producción as terras agrarias abandonadas.

* aumento da concienciación dos cidadáns, facéndolles ver a importancia de evitar queimar o noso territorio que é parte da nosa riqueza colectiva como pobo.

Son consciente de que hai algún precedente que acabou en fracaso, e do difícil que é pór a tódolos actores implicados de acordo, pero a magnitude do problema así o require; require da política con maiúsculas, require pór os intereses de Galicia por diante dos lexítimos intereses de parte, e que polo ben do noso País, sexan capaces de sentarse a unha mesa e non se levantar deica acordar as medidas a pór en marcha para acabar con esta grave situación.

Nos últimos días Compromiso por Galicia é ate o de agora a única organización política que aposta abertamente por facer tódolos esforzos necesarios para acadar ese ansiado Pacto; pero á marxe dos partidos, son cada vez máis as voces que defenden como única solución posible chegar a un gran acordo, só falta que cadaquén asuma a súa responsabilidade para que se poida facer posible antes do próximo verán.

Ou iso, ou seguiremos sendo cómplices da autodestrucción de Galicia. Claro que sempre nos quedará a choiva, como a mellor aliada dos nosos montes.