Piñeira de Arcos rebaixados

Piñeira 1
Piñeira de Arcos rebaixados
Queixarse hoxe de que o noso patrimonio cultural está desatendido, é case unha frivolidade cando todos temos soportado algunha labazada...

Queixarse hoxe de que o noso patrimonio cultural está desatendido, é case unha frivolidade cando todos temos soportado algunha labazada directa na nosa economía, e cando moitos xa se desangran do apuñalamento perpetrado polos poderes económicos coa mirada indiferente, cando non cómplice, dos políticos gobernantes.  Pero o encabezamento desta sección é o que é, sen outra pretensión,  que con certa distensión, detectar situacións que permitan mellorar o noso entorno físico,  e non reincidir en erros pasados.

Onte achegueime a Piñeira de Arcos, concretamente á súa reitoral, coa desculpa de lembrar algún episodio de D. Eladio, o internacionalmente coñecido párroco de Pixeiros que fai máis de vinte anos espantaba aos fregueses a tiro de pistola, e que viviu nesta casa de Piñeira algúns anos.

Teño que recoñecer que había anos que non ía polo lugar, e sentín tristura ao ver o abandono no que se atopa unha casa tan singular dende o punto de vista arquitectónico.  Coñecín a reitoral de Piñeira, no primeiro ano da carreira, polo fermoso libro “España dibujada” dos irmáns Efrén e José Luis  García Fernández, uns asturianos que percorrían o país debuxando edificios e paisaxes urbanas senlleiros, e que tiñamos como guía para aprobar “análise de formas”, o óso do primeiro curso.

Anos máis tarde un avantaxado alumno meu, fixo o seu traballo final sobre esta casa, e funlle collendo un apego especial, e sempre que podo recomendo que se repare neste edificio, rexo pero ben plantado na chaira. Case un cadrado perfecto de planta baixa e andar que se enfronta sen temor á igrexa, e que se desenvolve entorno a un amplo patio interior, con dúas torres nos ángulos norte e sur sensiblemente máis altas. Un edificio austero cara ao exterior, con escasos ocos, coma unha fortaleza, pero rico na súa relación moito máis amable e humana con ese patio que semella un claustro doméstico.

Temos moi boas reitorais na Limia, e tamén pazos, exemplos unhas e outros dunha arquitectura culta que non acaba de desprenderse totalmente das necesidades que os traballos da terra lle impoñen.

O abandono no que se atopa esta, co tellado en ruínas,  case sen carpinterías, e coas silvas trepando polos rexos muros de perpiaños de boa cantería, non chamaría a atención se a comparamos co estado en que se atopan a meirande parte dos nosos mellores exemplos da arquitectura tradicional e mesmo culta. O que chama a atención é que aínda que ninguén se ocupou de atallar nin unha soa goteira, si houbo alguén que na fachada leste, mandou erguer de raíz un “porche” de tres tramos con arcos rebaixados, de pedra serrada, digno dun chalé de “sete estalos”. O curioso do tema, é que ese vulto raro que hai algún tempo lle naceu  á casa de un día para o  outro, ben seguro que deu un mangado de votos, e o máis  máis curioso aínda, é que no momento que se quite dará outro puñado de votos por extirpar un adefesio fora de lugar. Tiraremos os cartos dúas veces, e a reitoral avanzará na ruína. Curioso!