jueves. 01.12.2022

Cando eu nacín, elas xa estaban alí. A medida que fun medrando, tamén o ían facendo elas. Co tempo fun aprendendo cousas arredor delas. O primeiro que lembro é o nome de plátano. Aprendino de boca do meu tío o Toniño Moca. E despois aprendín que aquela estrada, abeirada polas grandes árbores que se chamaban plátanos pero tiñan por froito unha bóla chea de pugas coma un ourizo, era a estrada do San Mateo. Máis tarde, souben que por alí se ía cara a Celanova. E eu, neno feliz, medraba coa ilusión de chegares algún día a abarcar cos meus brazos o tronco dalgún daqueles xigantes. Nunca o conseguín. Ás veces, aínda acordo daquel soño da miña nenez.

83Agora, dis que queren cortalas, facer desaparecer esa marabilla de corredor de sombra nos días do verán.

Haberá uns dez anos, en Vigo quixeron botar abaixo un vello carballo (quercus robur) para construír un pequeno edificio de vivendas. Os veciños teimaron en defendelo de todos os xeitos que se lle ocorreron. Hoxe, o carballo olla fachendoso para a rúa, coa herba sempre ben cortadiña ó seu redor, escoitando as conversas daqueles que se sentan no banco acubillado baixo a súa sombra. Na parede do edificio que linda co pequeno terreo do carballo, adorna un mural feito de ferro rematado pola lenda “Quercus robur fortis in secula”. Cando paso por alí penso nas ilusións, nos soños deses homes e mulleres, anos atrás rapaces, que cando naceron no barrio, xa tiñan alí aquel carballo. E penso tamén nos que veñan nun futuro no que a árbore seguirá estando alí.

Hai moitos anos que deixei de ser neno. Mais, con todo, aínda gardo moitos dos soños que tiña daquela. Como aquel de abarcar co meu abrazo os plátanos da estrada ó San Mateo. Talvez non o consiga nunca, pero non me gustaría que fose porque os cortasen. Prefiro pensar que tamén as árbores soñan. E que os plátanos da miña vila soñan con que a estrada a Celanova siga a ser un fermoso corredor de sombra nos veráns, soñan que siga habendo rapaces que, o mesmo que eu facía, soñen con chegar a poder abarcalos cos seus brazos algún día.

Rafael Laso Lorenzo

Comentarios