PEPE CALLEJA
Ás persoas que lles gusta participar de forma activa en actividades relacionadas coa natureza, teñen unha boa oportunidade de apuntarse ó Proxecto Ríos (www.proxectorios.com) que coordina Adega.
Consiste en facer unha sinxela pero entretida inspección do treito do río que previamente teñamos escollido. A implicación vainos facer coñecer varias especies de árbores, de plantas acuáticas, de peixes, anfibios, aves, mamíferos e sobre todo macroinvertebrados.
Son dous días ó ano, un na primavera e o outro no outono. O material para as análises é facilitado por Adega. O resto do material como luvas, botas de auga, un termómetro ou un funil, témolo que poñer nós.
Unha vez escollido o treito do río, facemos un esquema cos elementos que o caracterizan: un muíño, unhas pedras que sobresaen, a vexetación acuática
Xa ó pé do río e coas fichas facilitadas por Adega, comezamos a observación. Primeiro a calidade hidromorfolóxica, se a auga flúe, e como é o substracto do fondo do río, a cobertura de vexetación acuática. Despois miramos a calidade do bosque de ribeira. Seguimos medindo a profundidade e a anchura do río, multiplicamos o que nos dea e xa temos a sección. Tirando algo que flote ó río e contando o tempo que tarda en percorrer 10 metros temos a velocidade, multiplicando a sección pola velocidade temos o caudal do río.
Apuntamos o cheiro do río, se hai refugallos, colectores
O seguinte paso é a calidade fisicoquímica. Enchemos unha botella de auga de plástico de litro e medio á que lle quitamos o bico, e metemos o termómetro para saber a temperatura. Enchemos un tubo de ensaio cunhas pastillas de pH, despois de remexelo temos que comparar a cor que sae nunha escala colorimétrica e apuntamos. O mesmo cos nitratos e co osíxeno disolto. Aproveitamos a botella de auga para anotar a transparencia da auga.
E chegamos ó momento de identificar os macroinvertebrados (son as larvas de insectos, moluscos, hirundíneos, etc que viven no río). Estes animais son bioindicadores. Aclaro: segundo os animais que atopemos no río, así está de contaminado. Se atopamos larvas de libeliñas ou de cabaliños do demo a auga está en bo estado. Se pola contra, atopamos oligoquetos (lumbricidos) a auga está en mal estado. Para este momento necesitamos un funil ou un trueiro. Tamén unha lupa porque alguhas das larvas son pequenas.
Para o final os mamíferos, as aves, os anfibios
As fichas coas anotacións son enviadas ós técnicos do Proxecto Ríos que elaboran un informe a nivel Galicia, onde nos indican a saúde dos nosos ríos. Sabemos os que están ben e os que están mal. Dos que figuran en mal estado ano tras ano atopamos o río Limia. Debería ser suficiente para que a administración competente na materia tomara algunha medida. Non parece asi, de momento.
Non todo son malas noticias. Hai uns anos foi localizada nunhas pozas estacionais ó carón da antiga Lagoa de Antela, unha especie que leva na terra 220 millóns de anos: Lepidurus apus, un crustáceo branquiópodo. Mide entre 3 e 7 centímetros, ten unha cuncha en forma de escudo. Nada en posición invertida e viven en pozas ou augas temporais.
A verdade é que as inspeccións de ríos están preparadas para que se fagan en grupo, moitos colexios, institutos, asociacións e outras agrupacións participan neste programa. No meu caso é algo familiar xa que sempre me acompañan o meu pai e os meus fillos.
Unha xornada para achegarnos ó río, aprendermos a respectar e valorar o noso maltratado Limia ó comprobar que dependen do seu bo estado unha grande cantidade de seres vivos, incluídos nós mesmos.