Unha de predicadores

137
Unha de predicadores

Hai xa bastantes anos, nunha estadía en Londres, despois de contemplar Marble Arch, entrei no Hyde Park para coñecelo dando un paseo. Nun recuncho del había (aínda o hai hoxe, leva aí dende finais do século XIX) un lugar chamado Speakers’ Corner. Debo confesar que ata que viaxei a Inglaterra, nunca oíra falar del. Nese lugar, ponse xente a falar, predicadores de todo tipo, políticos, persoas que algo teñan que dicir, iso si, sempre que o contido dos seus parladoiros non violen a lei.

Detívenme un intre, entre o cento de persoas que alí había, para escoitar o que dicía o home que falaba a carón dunhas pancartas reivindicativas cuxo contido xa non son quen de lembrar. A fin de contas van alá quince anos do detalle.

137Acordei estes días do asunto, porque seguindo as novas da campaña electoral americana non conseguín facer mellor imaxe do gañador Donald Trump que a semellanza cun predicador de feiras. Non sei se os límites que impoñen na Gran Bretaña, serían dabondo para este home. Dubido que moitas das cousas que dixo na súa campaña, lle fose posible dicilas naquel recuncho do Hyde Park londinense. Toda esa sarta de mensaxes violentos, racistas, xenófobos e misóxinos, fai que este home semelle máis un personaxe de mal gusto que o próximo presidente dos EE.UU. Porén, creo que Donald Trump non é nin vai ser o derradeiro destes predicadores. En países coma Venezuela, Bolivia e outros, xa levan algúns anos aturándoos. Mais en España tampouco nos libramos deles. Algúns dos políticos que temos por aquí, ben que entran nesa categoría. O que non sei é a razón exacta do porqué con eses mensaxes a xente é capaz de votalos, facendo que un home coma Trump poida ser presidente. Por iso prefiro lembrar as historias que miña avoa materna me contaba do Mario, un daqueles \“predicadores\” que hai moitos anos se vían polas feiras en Xinzo, vendedor de produtos milagrosos que non funcionaban. Como non o coñecín, non podo saber das súas capacidades para engaiolar á xente que o escoitaba, que ó dicir da miña avoa, si sabía das mañas do personaxe. En calquera caso, creo que nunca ofendeu a ninguén e só trataba de se gañar a vida. Todo o contrario que este Trump, que coas cousas que se van sabendo da súa arranxada vida de multimillonario e todas esas frases que dixo, dame a min que xa leva ofendido a moita xente.

Rafael Laso Lorenzo