O premio Pedra Alta, a sección Antela da SGHN e a veiga de Vilar de Gomareites

pedra alta
O premio Pedra Alta, a sección Antela da SGHN e a veiga de Vilar de Gomareites

O Padroado do Museo da Limia vén de concederlle a V edición do premio Pedra Alta, o maior galardón que se concede na nosa comarca, á sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural.

Conta a lenda que a Virxe María chantou a Pedra Alta –tan longa por riba como por baixo da terra– no medio da lagoa, despois de atravesar a chaira anegada, coa pedra sobre a súa cabeza e o neno Xesús no colo, mentres coas súas mans fiaba na roca tranquilamente.

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ten feito na Veiga un inmenso traballo, convertendo o espazo degradado dun pequeno anaco, que no seu día formara parte da Lagoa de Antela, nun lugar do que xa gozan os limiaos e os entusiastas da natureza. Ás noites podemos escoitar como mía a conícora, ver o sapo de esporóns e admirar o cardiño da lagoa (Eryngirum viviparum), unha especie da que o 90% da poboación mundial vive na veiga de Gomareites.

Mercé á loable iniciativa da sección Antela da SGHN, un grupo de persoas que forman parte dun proxecto maior, armadas con perigosas luvas, botas de goma, bo humor e moito amor cara a esta fermosa e maltratada terra, retiraron toneladas de plásticos, rodas de goma, vidros, escombros e refugallos, converteron a veiga nun lugar de valor e goce da veciñanza e dos visitantes que non renuncian a un mundo máis humano e natural. Un mundo onde, a día de hoxe, conviven en harmonía a natureza e un espléndido rabaño de rubias galegas que pacen con ansia e sosego, tal e como o fixeron antano.

Por mor do traballo e da teimosía de persoas como Isabel, Marcos, Serafín, Victor, Tomas e outros/as, nese anaquiño da nosa antiga lagoa, cada primavera volven soar e resoar os cánticos nupciais de centos de patos que converten aquelas terras nun lugar prodixioso onde o tempo se detén para que a vida se perpetúe na nosa chaira limiá.

O amor á Limia fixo que un día o destino xunguise un gandeiro que teimaba con converter novamente a veiga nunha miga do que un día fora, cuns “paxareiros” con moi mala fama, que percorrían a chaira armados con armas destrutivas que resultaron ser inofensivas cámaras fotográficas.

Iso é a veiga de Gomareites: un espazo de encontro e irmandade entre ecoloxistas, gandeiros e labregos, capaces de demostrar que a convivencia é posible e para tal mester, a maioría das veces, é dabondo con escoitar.

Longa vida á sección Antela da SGHN e parabéns polo merecido Pedra Alta!

Samuel Formoso Salgado

Gandeiro, presidente da Comunidade de Montes de Gomareites