PREMIO PEDRA ALTA

PREMIO PEDRA ALTA

Recoñecemento e gratitude da Limia ao doutor don Elixio Rivas Quintas

O Museo Etnolóxico da Limia, que acaba de celebrar os vinte anos no seu emprazamento actual, a casa reitoral de Vilar de Santos, quere ser lugar de encontro do futuro co pretérito, morada de convivio harmonioso do tempo novo co tempo vello. Este espírito propicia a creación de nova Xunta Directiva e dun Consello Asesor, formado por 24 compoñentes que representan distintas disciplinas e sensibilidades, co obxectivo de definir e planificar as actividades da institución.

562Unha das primeiras iniciativas é a instauración do Premio Pedra Alta, de carácter anual, para recoñecer a dedicación e o labor de persoas ou entidades en prol da Limia.

A Pedra Alta da Antela, é unha anta ou antela, pedrafita ou parafita, monólito, mehir, monumento ancestral de culto, situada entre Cortegada e Casasoá, marco de límite outrora dos concellos de Sarreaus, Xunqueira de Ambía e Vilar de Barrio, símbolo de todos os territorios limiaos. Érguese desafiante no medio da chaira para nos lembrar a beleza perdida da lagoa (baira). O eminente polígrafo Otero Pedrayo desveláranos a pedra como elemento definidor da paisaxe galega. Para a grande poeta Chus Pato, \“cada pedra é luz\”. Na chaira aberta, o muíño do tempo foi convertendo a pedra en inmensos depósitos de area.

Na edición inaugural, a de 2017, non podía haber persoa máis merecente desta distinción que o doutor Rivas Quintas ( Xunqueira de Ambía, 1925), autoridade intelectual de recoñecido prestixio.

O Museo da Limia convócanos na mañá do próximo sábado para participar nos actos de homenaxe ao premiado, para reforzar os vínculos de pertenza e identidade que nos moven. Contamos coa participación xenerosa de Xosé Antonio Quintas, peregrino e amigo, compañeiro de angueiras, para facer a laudatio, antes da intervención do propio investigador, e coa animación musical de Luís Humberto Cao e Baldomero Pavón. Unha figura que reproduce a Pedra Alta, obra do artista Xosé Lois Carreira, e un diploma deseñado polos arquitectos Lola Peláez e Manolo Seoane, ambos realizados de maneira altruísta, han de ser lembranzas que acompañen os anos vindeiros de don Elixio.

O doutor Rivas Quintas é saber, cultura, lección maxistral e inspiración para as xeracións coetáneas e para as futuras. El é valiosísimo patrimonio áureo para todos cantos nos sentimos partícipes desta terra.

Estudoso infatigábel da palabra, da fala, da cultura, o seu legado é un monumento de palabras que ilumina as tebras. Camiñante de todos os camiños, atento a calquera vestixio dos tempos de outrora, coa firmeza e a determinación da pedra, recolle directamente dos beizos dos falantes millares de palabras e locucións, resgatadas do pozo do silencio e do esquecemento, consciente da mudanza tan radical que está a experimentar a Galicia rural.

Se sabio é quen sabe moito, moito, quen é capaz de acrecentar o saber e mesmo de o transformar en creación, o doutor Rivas Quintas é un dos nosos máis relevantes sabios. Unha vida longa e fecunda, dedicada ao estudo e á divulgación do coñecemento de múltiples disciplinas: Lexicoloxía, Onomástica, Filoloxía, Etnografía, Arqueoloxía, Historia, etc.

A súa extraordinaria capacidade de traballo e o seu inxente saber maniféstanse en 60 publicacións, moitas delas autoedicións, e en centenares de colaboracións en revistas e obras colectivas.

O seu libro A Limia: Val da Antela e Val do Medo (1985), que tería que ser libro de texto nos centros escolares, compendia, en case 800 páxinas, con abundante material gráfico, todos os saberes sobre este territorio.

A monumental obra etnolingüística Léxico rural do noroeste hispánico recolle, en 25 volumes, perto de 10.000 páxinas, toda a sabedoría do universo campesiño. A triloxía Frampas (canas de centeo abandonadas no rastrollo), que aparecía en 1978, rexistra máis de 15.000 palabras ou acepcións inéditas. As súas contribucións máis sinaladas á Filoloxía galega materialízanse en dúas publicacións: Lingua galega: historia e fenomenoloxía (1989) e Lingua galega: nivéis primitivos (1994). A súa última obra, Dicionario etimolóxico da lingua galega (2015), é o primeiro dicionario deste teor.

Incesante tarefa individual, solitaria as máis das veces, sen renunciar aos desafíos colectivos (Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación Galega de Onomástica, Comisión de Toponimia de Galicia, Real Academia da Historia), recoñecida, entre outros, co Premio Otero Pedrayo e coa Medalla Castelao.

Artífice único, no santuario dos Milagres do Medo, dun completísimo museo multidisciplinar, con milleiros de obxectos e apeiros cos seus nomes e procedencias.

A traxectoria humana e intelectual do doutor Rivas Quintas, de formación enciclopédica, deita alento para cantos perseguimos o progreso e benestar desta terra e da súa xente (xaramea), tan necesitada de autoestima e coñecemento.

En palabras do académico Xesús Ferro Ruibal, \“Elixio Rivas é un etnolingüísta que, como notario, dá fe perpetua de como foi a Galicia rural durante máis dun milenio; gardador de palabras e saberes que nos constrúen como etnia e como país, merece o título de Benfeitor silandeiro do pobo galego.\”

No comezo do libro A Limia, o doutor Rivas Quintas fai esta declaración de lealdade: \“Escollín o galego diles, porque a fala é parte da persoa e das cousas. ¿Como se pode dicir o que pensaron e quixeron; como o que fixeron e falaron, senon é naquelas verbas, vivas e quentes, que saíron da súa alma?\”

No último capítulo, \“O carácter dos limiáus\”, don Elixio séntese \“Fillo ben nado desta rexa terra\”. A Limia, un dos territorios máis galeguizados de Galicia, ten a fortuna de contar cun estudoso tan perseverante, xeneroso e cualificado e fica en débeda eterna con este xigante do saber. O tesouro lingüístico e etnolóxico que nos doa é patrimonio colectivo de extraordinaria calidade que temos de coñecer, propagar e acrecentar.

DELFÍN CASEIRO

Presidente do Padroado do Museo da Limia.