Preto de corenta empresas dispútanse a loita contra as cianobacterias nas Conchas

Preto de corenta empresas dispútanse a loita contra as cianobacterias nas Conchas

A CHMS estuda os seus proxectos para decidir cal delas leva a inversión de 1,1 millóns

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Un total de 38 empresas presentaron ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil os seus proxectos para a rexeneración da presa das Conchas. O gañador disporá dun orzamento de ata 1,1 millóns de euros para a mellora das augas e a recuperación ambiental do entorno deste encoro situado nos termos municipais de Bande e Muíños. Unha iniciativa que pretende limitar a contaminación provocada polas cianobacterias, uns microorganismos de carácter tóxico que impiden o baño no período estival.

A empresa que consiga a adxudicación que se fará pública nun par de semanas, segundo fontes da propia CHMS, deberá actuar para elevar a calidade das augas e colocar unha serie de illas flotantes que reducirían a presenza de nutrientes. Ademais, para solucionar o problema da restrición do baño na zona deberán habilitar outras para este fin, pero dentro dos propios concellos. Barállase o acondicionamento da praia fluvial de Porto Quintela e a termal do Baño en Bande e a ampliación do Complexo do Corgo en Muíños.

Así, dez empresas ourensás ás que se lle unen outras de Lugo, A Coruña, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Badaxoz ou Portugal loitan por conseguir o concurso, ofertando presupostos que oscilan entre os 552.000 e os 783.000 euros. Arredor do mes que vén saberase a gañadora que terá á súa vez un prazo de 15 meses para executar os traballos.