A quen pertence o BNG?

A quen pertence o BNG?

XOSÉ LOIS CARREIRA

A súa cúpula e preceptos. Aos seus cargos orgánicos e institucionais espallados en consellos, executivas, parlamentos e plenarios. Aos seus alcaldes artesáns do encaixe de Camariñas. Aos seus concelleiros na oposición sen medios nin chedas. Aos seus militantes que deciden co seu lexítimo voto en cada derrama e asemblea o que se vai a facer, sempre o mellor posible. A sistémica e abafante falla de resultados, na meirande parte consecuencia directa desas decisións. A sociedade galega que cada vez o está a considerar máis residual e desbotable. Aos que marcharon. Aos que quedamos. Aos seus eruditos que deixaron fonda pegada e bacía. Aos que pegan porque nada cambie. Aos que foron para a casa e desde alí escoitan negrasombrados o paseniño requiem do cadaleito do bloque. A clarividente e implacable reflexión dun simpatizante anónimo: “dúas eleccións máis e o BNG situarase na total irrelevancia, a xente xa o ten decidido”. As causas que defende, todas incuestionables, dunha gran masa social oprimida e rebotada que xa non identifica ao BNG como motor de ningunha revolución. Ao conxunto dos propios nacionalistas galegos que tampouco se recoñecen no bloque e optan por outras alternativas. A obsesiva teima na carreira pola exclusividade galega, froito deste impaís alienado e colonizado pola Roja. A deñada competición por tutelar e ter presenza en todo novo colectivo social. Ao éxito de Beiras e Pablo Iglesias. A La Voz de Galicia. A súa longa traxectoria desde 1982. A Castelao, Casal e Bóveda. As Irmandades da Fala e o movemento agrario de finais do XIX. Ao querer mais non poder desde entón. A nosa nación sen estado. Ao soño da independencia e a conciencia de Nós cun 7% dos votos e baixando. A infinda e enramada fragmentación do nacionalismo galego que imposibilita tanguer calquera troco. Ao propio nacionalismo galego, ese movemento político, histórico, poliédrico e sempre acrónimo reducido ao monopolio da decrúa. Ao Alberto Núñez Feijoo cando en 2008 abortara unha reforma de calado do Estatuto Galego. A impotencia de erguer un amplo fronte nacionalista de esquerda que lle plante cara de xeito urxente as políticas parricidas do PP. Aos que pensamos que artellar esa man común será o único xeito de revitalizar, resucitar e resintonizar ao BNG coa xente. Aos que afundiremos con el. A quen pertence o BNG?