Querquennia

Querquennia
Coincidiron estes días pasados dous feitos deses que fan que un se sinta orgulloso da súa terra, e de ter...

Coincidiron estes días pasados dous feitos deses que fan que un se sinta orgulloso da súa terra, e de ter amigos cos que partillar os poucos momentos agradables que estes tempos de de queixas e mágoas nos permiten.

O sábado á tardiña tivemos a sorte de deleitarnos coa fermosa música do terceiro disco do grupo “Kérkennai”, “un soño cotián de bolboretas”, con ese permanente recendo ás terras do Limia. Foi un deses momentos en que sentes que unha terra que cría xente capaz de facer unha música tan fermosa, e construír lugares acolledores coma o patio do Museo da Limia, ten por forza que ser unha boa terra. E se ademais ese cóctel o compartes con bos amigos, a cousa xa é case pecadenta polo pracenteira.

O martes, tratei de facerlle entender aos meus compañeiros da “Escola de Arte” as bondades paisaxísticas e histórico-culturais do Limia baixo. Unha visita ao xacemento de Aquis Querquennis, e ao centro de interpretación, (abusando da confianza de Noli), uns petiscos á sombra dos pradairos, un paseo pola “geira” xa en terras portuguesas, e un baño nas cristalinas augas do Homen, fixeron outro deses días que pagan a pena.

E como a min me resultaron gratificantes estes feitos, vou facer dúas recomendacións e unha petición. Recoméndovos que escoitedes con atención a música de “Kerkennai”, e o pequeno esforzo de mercar o disco non só polo que supón de apoio á nosa cultura, senón pola calidade que ten.

En segundo lugar, e para aqueles que nunca visitastes o xacemento de “Aquis Querquennis”, tedes que saber que contamos seguramente co campamento militar romano máis espectacular de toda a península, aquí ao ladiño; e a partir do mes de xullo, estará aberto o Centro de Interpretación do propio xacemento e de toda a “Vía Nova, que explica polo miúdo tódolos pormenores históricos e paisaxísticos destas terras do Limia. Aos que xa o visitastes, unha segunda ollada sempre descobre cousas novas, e pódese aproveitar para acercarse aos mananciais termais  de O Baño, e mesmo a Santa Comba moi preto; ou simplemente pasar unha tarde agradable á beira do encoro, e tomar un refrixerio no “chiringuito” do Chuli.

A petición, aínda que dirixida, non ten destino concreto. Se hoxe podemos gozar de “Aquis Querquennis”,  das instalacións que o rodean, e mesmo da sona da “Vía Nova”, débese en moita medida ao grupo arqueolóxico “Larouco”, e ao empeño persoal de Antonio Rodríguez Colmenero, que co seu peculiar entusiasmo fixo posible tanto a escavación coma o complexo, alancando todo tipo de trabas. Alguén terá que acordarse de facerlle un recoñecemento público deses méritos, a unha persoa que ligou a súa vida a este singular sitio.