O quid está en Cans

El Quid
O quid está en Cans
O Festival de Cans estase consolidando coma o máis popular do audiovisual galego, tras ir gañando ano tras ano a...

O Festival de Cans estase consolidando coma o máis popular do audiovisual galego, tras ir gañando ano tras ano a atención, o cariño e o respecto do público. Con todo o seu “agroglamour” foi cautivando non só a participantes e afeccionados do sector audiovisual, senón tamén a un perfil maioritario de aldeanos e cidadáns galegos que se achegan ata alí a desfrutar dunha opción de ocio moi orixinal para todos os públicos.

Este ano celebrouse a X edición do festival na aldea de Cans (Porriño) do 22 ao 25 de maio  baixo o lema de “10 anos de agroglamour”. Cumpliron unha década cun aforo que superou espectativas unha vez máis.  No festival participaron, entre outros moitos Manuel Manquiña, Juanma Bajo Ulloa, O Gran Wyoming, Unax Ugalde, Silvia Superstar, Cristina Pato, Jorge Coira, Mara Sánchez, Xabier Fortes, Patricia Vázquez, Xavier Villaverde, Manuel Fernández-Valdés, Fernando Cortizo ou Alfonso Zarauza. Das obras participantes na sección oficial destacou sobre todo o novo talento de mozos galegos emerxentes  que tiveron que emigrar fóra (por que será?).

Segundo a organización este ano acudiron ao festival unhas 12.000 persoas e unha servidora pode corroborar que o sábado (día de maior aforo) a aldea estaba abarrotada ata os topes.  Os xa míticos desfiles de chimpíns, concertos e sobre todo moitas proxeccións fixeron as delicias do público. Un só impedimento fixo que algúns quedaran ser asisitir a todas as proxeccións que lle tería gustado: o espazo físico non daba para máis. Os galpóns, garaxes e palleiros que se utilizan para as proxeccións quedáronse pequenos para tanta xente que quería presenciar as obras audiovisuais (algo que de seguro terán en conta para as próximas edicións) e en moitos casos a metade (ou máis) do público que había esperando na porta quedaba fóra da proxección non podendo vela.

Isto mesmo pasou na proxección para min máis interesante de todo o festival: a presentación mundial de “El Quid” (Raúl García e Bruno Nieto). Unha serie negra na que tiven o privilexio de traballar, rodada entre Ourense e Celanova a finais do 2012, cuxos 4 primeiros capítulos viron por primeira vez a luz nun susodito galpón de Cans.  Entre os protagonistas da serie podemos atopar a actores tan recoñecidos como Antonio Mourelos (Matalobos) , Sabela Arán (Vilamor), Monti Castiñeiras (Matalobos) ou  Camila Bossa (Mareas Vivas). Todos os participantes (equipo técnico e artístico) colaboraron desinteresadamente na creación desta obra. A versión que se proxectou en Cans era unha versión test sen a postproducción de imaxe e son, e sen a música definitiva do seu compositor Sergio Moure.  Aínda sen estar rematada totalmente, a serie levantou gran espectación e tivo moi boas críticas do público. Se na pre-estrea tivo tanto éxito espero que na estrea oficial (sábado 6 de xullo) teña aínda mais, así que os que poidades, non deixedes de atender a tal evento (sobre todo se fostes dos que vos quedastes fóra en Cans).