R.I.P.

truchas-saltando
ILDUARA DE GURTERRI Son dous os poemas que todo galego sabe comezar. É unha magoa que non se lle pegue un...

ILDUARA DE GURTERRI

Son dous os poemas que todo galego sabe comezar. É unha magoa que non se lle pegue un do noso Curros.Un deles é: Que din os rumorosos / na costa verdecente,…e o outro é: Adiós ríos; adiós, fontes;/ adiós,regatos pequenos; … A muller do Rexurdimento que lle cantaba reivindicativamente aquela situación, á que Celso Emilio Ferreiro tachaba de gran rareza,que non era outra cousa máis ca parir un rapaz e tamén unha maleta, augurou o noso tempo.

Estas verbas, sen chegar ó terceiro verso, poderiamos aplicarllas ó pé da letra ós nosos ríos, fontes e regatos; levamos uns cincuenta anos dicíndolle adeus. As troitas, bogas, peixes, anguías e ó canto da ra, dixéronlle deica a próxima ós nosos ríos. As píntegas despedíronse definitivamente da cristalina auga derramada polos riscos de pedra das fontes. Os regueiros convertéronse en cloacas ó aire libre, que recollen os desaugues dos escasos lares que quedan ó seu carón.

 A vida que había nas nosas augas está chegando ó seu fin. Pódese por nas súas marxes, en vez de vedado, o letreiro de R.I.P.(Río Inzado de Porcallada). Dende que cambiamos a verza e o fento tenro polo scotex, e as laxas dos lavadoiros se puxeron verdes, comezou o declive.

Cando eu era nena e ía cos meus irmáns maiores, por este tempo, bañarme ó río Sorga, a limpeza campaba tanto nas súas augas coma nas súas marxes. Era meterse no río e ver infinidade de peixes que topaban contra as pernas. Algúns dos mozos das parroquias de Vilanova dos Infantes e de Viveiro coñecían cada pedra, cada raiceira e cada xouca do río cos ollos pechados. As camballadas de troitas que eles collían, cunha arte á que o gardarríos facía o sueco, eran dignas de admiración. A cesta na que as metían non era máis ca galliña dun amieiro, axeitada en forma de anzol. E meténdoas pola agalla facían aqueles ramalletes ós que eles lle chamaban a camballada. Miña nai cando chegabamos á casa xa tiña a tixola ó lume, endexamais fallou na súa decisión.

Aquela arte coñecida coma o cacheo era cumprimentada ca rede, co cesto, e ca cana. O cacheo só se levaba a cabo na época estival, cando o río minguaba o seu curso debido ó calor, pero sobre todo, ás presas que guiaban a auga para as terras de millo.

Pasados os anos, todo cambiou. Aqueles cinco cobradores de maquía que había dende o muíño do Chirlo no Ribeiro, deica o muíño do Cesito chegando a Barxa, quedaron fóra de mercado. Foron substituídos por catro focos de contaminación. Unha central leiteira (xa pechada), unha fábrica de embutidos ( recén pechada), un matadoiro municipal e un restaurante xa no río pai. Só lles faltou ser construídos do mesmo xeito de como os pobos dos limici e dos amphilicos deseñaban as súas palafitas na Prehistoria. Así aforrarían algúns metros de tubeira.

Con estes catro cánceres, máis as augas residuais da vila de Celanova, déuselle a estocada final a este río. A pesar de que, aínda hoxe, intervén no seu nacemento unha das fontes máis puras da provincia, chamada a Fonte dos leóns .

Riveiro Coello definía o noso Limia coma “ o río que nace morto e morre vivo”. O patao da Limia restáballe vigor para devolverllo a Baixa Limia. Trasladándonos á calidade das súas augas poderiamos dicir que os nosos ríos nacen medio vivos e morren mortos de todo.