A realidade supera á ficción

Casamos!
A realidade supera á ficción
Nos últimos anos estamos atendendo a un incremento fortísimo da chamada “telerrealidade” nas nosas pantallas de televisión, o medio máis...

Nos últimos anos estamos atendendo a un incremento fortísimo da chamada “telerrealidade” nas nosas pantallas de televisión, o medio máis influínte e fronte ao que pasabamos máis horas por excelencia ata a chegada de Internet.

Primeiro comezamos co clásico “Gran Hermano”, seguido de todo tipo de formatos de reality show como “Operación Triunfo” (os dous pioneiros e grandes clásicos en España, que son formatos internacionais que revolucionaron a televisión en todo o mundo uns anos antes de chegar ao noso país cos chamados “Big Brother” e “American Idol” en tódalas súas variantes). Tras uns anos os realities saíron dos platós ó mundo e hoxe podemos ver a multiplicación de reality shows que combinan o formato co de concurso como “Pekin Express” ou “Perdidos enla Tribu”, centrados no tema das viaxes ou das diferentes culturas e formas de vida, pero xa non só realities. Tamén hai outros que se van máis ao ámbito afectivo emocional como “Quien Quiere Casarse con mi Hijo?, que apelan máis aos sentimentos dos personaxes.

Por outra banda, apareceron outros formatos que fusionan o formato reality co de documental cun talante educativo denominados programas de “coaching” como “Super Nanny” ou “El Encantador de Perros” onde ademais de ver outras realidades ensínannos dun xeito moi didáctico como solucionar certos problemas en determinados ámbitos.

Ademais de todo isto, hai uns anos atendimos á eclosión do xénero de docureality en España co programa “Callejeros”.  Neste formato non se busca a realidade morbosa como en GH, ou ver o comportamento 24 horas duns individuos, nin que vaian superando unha serie de probas ou problemas, nin hai concursantes; senón que se busca coñecer diferentes realidades cotidianas que nos son alleas ou non. Trátase de ver pequenos momentos da cotidianeidade de persoas de toda índole, incluindo personaxes variopintos e estrafalarios. Trátase de mostrar diversos universos, coma viaxar por diferentes vidas a través do noso televisor. Este formato son, basicamente e con palabras “de andar por casa” mini-documentais nos que por unhas horas os seus protagonistas entran nun pequeno reality/documental sobre as súas vidas.

Ademais, ultimamente houbo unha multiplicación espectacular deste formato na súa variante de viaxes: “Callejeros Viajeros”, “Españoles por el Mundo”, “Un País Para Comérselo” (diferentes puntos de España con diferentes tradicións culinarias). Ou a nivel Galicia “Vaia Troula” (festas por galicia”), “A Mochila do Viaxeiro”  (viaxes por Galicia), ou incluso “Casamos! A historia de amor de…” (vodas por Galicia).

Hoxe en día, practicamente a todas horas temos, nalgunha canle, algún programa deste tipo que nos leva por diferentes lugares da nosa xeografía con diversos temas como excusa, pero sempre o mesmo fondo: movernos por diferentes lugares da nosa xeografía vendo pequenos intres de realidade ou diferentes realidades sociais, culturais e incluso culinarias.

A última novidade que descubrín neste ámbito é o concurso “Lo sabe, no lo sabe”, que lle dá outra volta de tuerca a todos estos formatos e se lanza a facer un “Callejeros” concurso en tempo real na rúa con participantes improvisados, collendo a xente da rúa para concursar na propia rúa e con axudantes tamén incidentais que respostan as preguntas alí mesmo.

O que está claro é que a realidade vende; a rúa vese máis achegada a nós que un plató de televisión (con moito traballo previo de iluminación, decorado, maquillaxe, perruquería, etc) pero sinto augarvos a festa se vos digo que unha das principais razóns pola que as canles están ateigadas destes formatos non é só polo seu contido fresco, “veraz” e cercano. Non é só porque nos fartáramos de artificios e de repente prefiramos ver á típica señora en bata de casa sen peinar antes que a Pilar Rubio mega maquillada, senón que porque este tipo de programas son dos máis baratos de realizar e teñen unha baixa complexidade técnica. Só se necesita unha intensa labor de preprodución atopando ós personaxes e diferentes situacións, unha elaboración previa do guión, un cámara e un reporteiro que se “boten á rúa, e alguén que edite o video para ter entre mans o que pode ser un bo produto televisivo, que ás veces é mais interesante que a ficción.  A realidade sempre supera a ficción, ou non?