Refuxiados

refugiados

Avanzan incansables na procura do seu soño. Avanzan incansables fuxindo dos seus medos. Nunha canción do seu exitoso Time Out of Mind, canta Dylan que aínda non está escuro de todo, coma para dicirnos que nada está perdido namentres haxa sequera unha raiola de luz. Noutro dos versos dinos que acadou o fondo dun mundo... cheo de mentiras. Mais ata o lusco fusco nace para morrer. E chega a noite. E véxoos a eles, homes, mulleres, nenos, anciáns, todos avanzando, sempre adiante. Camiñan por unha vía do tren na que non hai tren. Camiñan, porque non hai tren que os leve e o reloxo xoga na súa contra. Vexo a esa morea de persoas, nunha imaxe apocalíptica que reflicte o que somos, como somos e como... non somos. Non sei se somos como deberíamos ser. Vexo esa xente que fuxe do horror da guerra. En todas as guerras hai xente que fuxe. Anos atrás tamén fuxía a xente deste país. Virán máis guerras e traerán nova xente que fuxe. Nunca paramos de fuxir. Moitos tentan fuxir da fame, da morte, da guerra. E nalgures tecemos barreiras con arames de espiño para coutar tamén a liberdade de fuxir. O ser humano pasa a vida facendo muros. Outros conseguen derrubalos. Hai nada que se botou abaixo o muro de Berlín. E agora non moi lonxe desa cidade, estase a erguer outro. De postes de formigón e arames de espiño. Porén, da imaxe dese neno afogado nunha praia case ninguén fala xa, coma se estivese pasada de moda.
Esta terra é a túa terra, esta terra é a miña terra, cantaba hai setenta anos Woody Guthrie. Esa xente que fuxe tamén camiña polas estradas, tamén contempla sobre eles a bóveda do ceo e contempla por baixo o seu val dourado, mesmamente coma o gran Woody. E igual ca este, toda esa xente que camiña, fuxindo, soñando, tamén pensa que a terra tamén foi feita para ela. Mais na canción que citei de Dylan, o poeta cantor dinos noutro dos versos que acadou o fondo dun mundo... cheo de mentiras.
Rafael Laso