O rei do PUNK...é galego!!!

EvaristoParamos
O rei do PUNK...é galego!!!
XULIO CÉSAR DOCAMPO Tras os comezos “tranquis” de ESPIDO e RICHARD HAWLEY, hoxe quero mudar totalmente de rexistro e, aproveitando a...

XULIO CÉSAR DOCAMPO

Tras os comezos “tranquis” de ESPIDO e RICHARD HAWLEY, hoxe quero mudar totalmente de rexistro e, aproveitando a conxuntura da festa do 1º de maio, e os berros contra a crise que nos está torturando, achegarme encabuxado á rabia e á pelexa do PUNK, un movemento que, musicalmente, non me di nada, e do que teño a peor das opinións (o punk...musicalmente, é unha puta merda), pero que dende o punto de vista sociolóxico, é sen dúbida o xénero musical que mellor ten canalizado sempre a crítica contra as inxustizas e as desfeitas do mundo que nos rodea. E aquí, neste reduto final do continente africano que é España, ás portas da civilización europea, o rei do mambo punk...é un galego; Evaristo Páramos, máis coñecido como Evas, ou Flipas, que se cadra non vos soa...pero se vos digo que é a voz de LA POLLA RECORDS...entón seguramente a cousa cambia.

Pois si, meus amigos, o Evaristo de La Polla évos galego, e como non, fillo duns pais emigrantes que aló polo ano 60, co Evas con apenas uns meses, deixaron as terras de Guillarei á beira do Miño para probar fortuna, como moitos outros galegos, no País Vasco, en concreto na zona rural alavesa, no pobo de Salvatierra, que había de ser o berce do punk, ou como di Evas, do “punk pataqueiro”.

Pero para falar do Evas, de La Polla, do punk...temos que situarnos na conxuntura social e política de finais dos 70: transición incipiente, reconversión industrial brutal á conta da entrada na Unión Europea, altísimos índices de paro, marxinación, e inda por riba...a droga circulando a mancheas polas rúas de Euskadi e facendo estragos, a curto e a e máis longo prazo coa sida (dos Eskorbuto só quedou un, e os de Cicatriz morreron os catro). E como banda sonora deste desolador panorama, a sombra dos Sex Pistols, ese vento punk que dende o Reino Unido infectou Europa e permitiu (coma nos piores programas de telelixo) que moitos que nin sabían tocar, nin cantar, tivesen o seu minuto de gloria. Porque inda que nos discos a produción pode enmascarar as carencias técnicas, os directos eran de pena, e hai testemuños abondos. Eran momentos de casas ocupadas (gaxtetxes), de fanzines, radios libre, e de moitísimos concertos en garitos e festivais en pavillóns (calquera motivo era bo, sempre contra algo: a OTAN, a UE, a monarquía, a igrexa, etc., e esa xente nova, sen traballo, aburrida de cantautores e aguzada polo punk e pola súa premisa de   que “ti tamén podes facelo” (por suposto, sen ter puta idea de tocar, nin de cantar) crearon unha boa morea de grupos, conxunturais a maioría e que non sobreviviron a euforia do momento, pero con algunha excepción, como son La Polla Records ou os Hertzainak, seguramente as dúas mellores bandas daquela fornada. A diferenza...Hertzainak, aspirando ao trono dos Itoiz (seguramente a mellor banda da historia musical de Euzkadi), suavizaron o seu son e mesmo chegaron ao mainstream e aos mecheiros nos concertos con temas como “Aitormena”. La Polla e o Evas, pola contra. sempre foron de piñón fixo. Ben, no 94 fixo algo así como unha canción de amor...”La futbolera”, amor ao seu xeito claro ;), e poucas concesións máis...

Daquela, houbo algún espabilao, quer por motivos comerciais (vender fóra estes grupos como alternativa á “movida madrileña”), quer por intereses políticos partidistas, crearon a etiqueta do “RRV Rock Radikal Vasco”, da que practicamente todos os grupos renegaron e que ademais é falsa:

-primeiro, porque nin todo era rock: Barricada era máis unha banda de rock clásico (o primeiro álbum así o proclama: “Noches de rock and roll”); os Hertzainak coqueteaban co ska, e do feito deron pé á aparición do Euskadi Tropicala con temas como “Ta zer ez da berdin”; ou os festeiros inclasificables Tijuana in Blue (xermolo dos Kojón Prieto y los Huajolotes, outro proxecto inclasificable...tex-mex-punk? ). Entre os máis punk, La Polla, Eskorbuto e Cicatriz.

-e segundo, porque tampouco todo era “vasco” (e moito menos “radikal vasco”): con excepción do aliñamento político dos Kortatu (aínda que non cantaron integramente en euskera ata o 3º disco), todos os grupos, mesmo os que cantaban en euskera, como Hertzainak (“Era un rollo para comercializar”) ou Zaramaluego llegaron los que trataron de capitalizarlo”), renegaron desa instrumentalización. E os grupos que usaban o español tamén se resistiron a seren utilizados, sobre todo os Cicatriz e os Eskorbuto (“El rock no tiene patria, ni siquiera la vasca”). Tampouco La Polla quixeron cantar en euskera (a primeira vez foi en 1999) nin ser mobilizados para a “causa”. E esta é ademais unha cuestión pavera, porque mentres que ao principio os salvapatrias criticaban a presenza do euskera asociada ao rock e ao punk por ser contrarias ás esencias do pobo vasco e un sinal do imperialismo, máis tarde, cando viron a forza que tiñan grupos como Zarama ou Hertzainak (que si apostaron polo euskera desde o comezo) e a capacidade de mobilización da mocidade doutros grupos como Eskorbuto, Cicatriz ou os La Polla, foron eles mesmos os que tentaron capitalizar o movemento, primeiro dándolle nome (rock radikal vasco) e despois promovendo concertos (a través dos festivais “Martxa eta Borroka”). Evas e La Polla, ao seu, por exemplo, na letra de “Sin país” (un país es un invento/un país es una estafa/un país es algo para lo que nadie me ha pedido mi opinión/un país no es nada/nada lo justifica/nis putos muertos/ni sus putas batallas...), toda unha declaración de intencións. E o que quixo entender...entendeu.

Pois ben, naquela “terra de cegos”…un torto era rei, aínda que o Evas non vos era torto, nin moito menos, senón que foi (e segue a ser) o puto amo daquel cotarro, o mellor letrista, como veremos, e unha voz, imos dicir “peculiar”, que se mantén perfectamente recoñecible ata hoxe, case 30 anos despois. E iso que, inda por riba, Evas e La Polla eran “de pueblo”, (“pataqueiros”da chaira alavesa chamáballes con desprezo), fronte ao estereotipo do “punki de cidade”: barrio industrial deprimido (a marxe esquerda do Nervión era a tal: con Zarama e Eskorbuto en Santurce), Cicatriz e Hertzainak en Vitoria capital, ou os Kortatu en Irún. Conta o Evas nunha entrevista do RockdeLux que “Siempre fuimos un grupo sospechoso porque no éramos de una zona industrial deprimida. No nos había explotado M. Tatcher”. No tema “Muy punk” zúmbanlle aos “punkies de postal”. Pero o certo é que Evas e La Polla Records si foron os reis do punk, e o seu abano de metrallazos sonoros e hostias a mansalva é tan amplo como a vida mesma, sobre todo nos 3 primeiros discos Salve (1984)”, Revolución (1985) e No somos nada (1986), unha triloxía imprescindible en calquera discoteca privada, con críticas que van desde a igrexa (“Salve”), á monarquía (“Real como la vida misma”) e as institucións do Estado (“El congreso de los ratones”), ao imperialismo ianki (“El 7º de Michigan”), pasando polos partidos políticos (“Odio a los partidos”), polos banqueiros,  pola prensa (“Mentiras post”), o mundiño musical (“Estrella del rock” ou “Críticos") etc. etc., e así, ano tras ano, disco tras disco, ata hoxe mesmo, ao longo de máis de trinta anos...mesturando denuncia e ironía marca da casa. A autenticidade da coherencia nun discurso que nin muda ni se acomoda.

Antes de rematar, dúas curiosidades: sexa polas orixes galegas ou non, Evas cantou dous temas en galego: o primeiro no 92, no álbum negro homónimo de La Polla Records, “Demo do can”, e o segundo no penúltimo disco de La Polla (xa sen o “records” por motivos xudiciais), o álbum Bocas de 2001: “E que pasou?”, agora si con algo de “chicha” denunciando os accidentes laborais. O resto do seu “galeguismo” non vai máis aló da súa recoñecida paixón polo Celta de Vigo, e por algúns “carallos” en varios temas de La Polla ;), como nos coros de “Mis cojones y yo”.

E tamén dous “momentazos” da historia do noso Evaristo: un, cinematográfico, en 1986, cando Imanol Uribe, que quedara flipado coas pintas e os shows ao vivo do Evas nos concertos de La Polla, conseguiu lialo para facer un pequeno papel de macarra nunha escena de “Adiós pequeña” dándolle a réplica a Ana Belén mentres soa o “Estrella del rock” do álbum Salve: Evas en estado puro!, máis “estrela” ca nunca nos tempos da cresta osixenada;  e outro, inesquecible, tamén no 86, no concerto que deron en Madrid nas festas de S. Isidro, compartindo cartel cos heavys de Obus e Bella Bestia, e claro…así acabou a cousa. De medo! A partir do minuto 28, as vallas caen…a xente sobe ao escenario, e con “Veganza” iso xa xa parece un campo da festa, ou de batalla.

A última (de momento) “resurrección” do noso Evas chámase GATILLAZO, unha banda poderosa, co espírito ácido da Polla Records, pero moito máis potente a nivel musical, e na que a voz de Evaristo segue machacando a distra e sinistra, coma sempre, sen casar con ninguén.  Levan sacados 5 discos desde o 2005 (ano do homónimo Gatillazo), con títulos suxestivos como Dianas legales, ou Sangre y mierda, ata o Siglo XXI do 2013. E con temas como “Comunicado empresarial”, “Pánfilo panfleto ataca de nuevo” ou “Hasta aquí hemos llegado”  está claro que o Flipas está máis en forma ca nunca, e segue sendo o inconfundible berro cabrón de La Polla Records. Para mostra, dous temas do último disco de Gatillazo: “Nunca fui a la ikastola”, a enésima afirmación de “independencia” dunha voz rebelde, propia, allea á seguidismo político, sexa do signo que sexa; e sobre todo “Esclavos del S. XXI”. O compromiso social segue intacto, e máis firme e duro ca nunca, e tamén unha denuncia totalmente oportuna nos duros tempos que corren. Como di Evaristo, “Con Gatillazo canto lo mismo que con La Polla porque los problemas de los últimos 30 años no están resueltos.”, está claro que non…

Deixo para o final un convite: os que aínda non tivestes ocasión de velo en vivo, ides ter sorte, porque esta lenda da música do noso país vai vir tocar... a Ourense!, coa súa banda Gatillazo, no Derrame Rock 2014, e con coñecemento de causa...dígovos que paga moito a pena velo, todo un espectáculo para non perder! E para os nostálxicos da Polla dos oitenta...visita obrigada!, polos vellos tempos, e para lembrar que un día fomos novos, máis tolos, e berrabamos ao son dunha cinta de casette... E lembrade...inda que non o pareza desta vez, que os discos de La Polla Records, sobre todo os tres primeiros, son tamén unha delicatessen (descoñecida, esquecida...) para padais exquisitos...como o voso.

Se alguén está interesado en profundar na época e no tema, déixolle un par de documentais:

-        Rock Radikal Vasco. La gran marcha de los 80, de Begoña Atutxa

-        Música en las venas: rock radikal vasco, da ETB2