Réquiem pola Democracia

Réquiem pola Democracia

ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE

Sendo un cativo, cando a idade e a capacidade do intelecto me permitía ir entendendo certas cousas da vida cotiá, o meu interese por espreita-las conversas dos maiores ía medrando.

Ben é sabido que nas aldeas a tradición oral (tesouro ancestral case desaparecido) era compartida e transmitida nas lareiras, ó pé do lume, no inverno e nos sentadoiros das airas á noitiña, no verán. Pois ben, alí estaba eu, a velas vir...

Entre outras cousas, contaban os máis vellos, que se viran obrigados tódolos anos a traballa-las leiras dos ricos e mailos destros das igrexas da comarca  -polo caldo-,  dicían.

Eu non chegaba a entender como un puñado de privilexiados eran quen de manexar e mobiliza-la numerosa man de obra das aldeas sempre en beneficio propio.

A miña mente infantil, a pouco de pensar, tiña unha solución moi sinxela. Bastaría con que se tivesen posto de acordo  todos xuntos e se negasen a faguela sementeira. Quen faría o traballo?, Que ían poñe-los poderosos no prato?, tendo en conta que a economía e a mantenza dependían da produción agro-gandeira. Iso si, tería que ser unha decisión sen fendas por parte dos labregos, artesáns e profesionais de toda a comarca da Limia e por contaxio tódalas comarcas limítrofes. A vitoria estaría máis que asegurada.

Por que non se lle ocorreu a alguén, daquela?

Debullando nos miolos atopei a resposta. Non habería xeito de poñer a tanta xente de acordo ó mesmo tempo. A comunicación simultánea era practicamente imposible e aldea por aldea sería lento, debilitaría esa rapidez necesaria para gaña-la batalla e daríalle tempo ó poder para tomar represalias que apagaría todo intento de cambia-lo sistema establecido séculos atrás. O pobo non tiña armas para defende-la súa postura. Faltaba información e a cultura estaba nas castes dominantes.

Hoxe, ollando dende a lonxanía do tempo que pasou, a situación é moi semellante.

En plena crise económica e social, provocada polo poder político mailo poder económico ou a complicidade de ámbolos dous, o pobo segue a se-lo que sofre as consecuencias, segue a se-lo que " decrúa e sementa as leiras dos ricos."

Agora mesmo a comunicación simultánea é posible en cuestión de minutos, grazas ás redes sociais, telefonía, etc...

A  información recíbese actualizada e por infinidade de medios e soportes.

A cultura,  por fortuna, tamén  está en mans do pobo.

A capacidade de mobilizar xente para concentracións e manifestacións é incuestionable, grazas ó poder de convocatoria dos axentes sociais e á utilización dos medios de transporte, tanto públicos coma privados.

O cidadán dispón hoxe da arma máis poderosa para defenderse que é a Democracia.

  - Que nos cómpre entón?

  - Por que o Pobo, a masa, a sociedade non se move?

Pois penso que teño de novo a resposta.

O poder político, encargouse de deixarnos sen arma coa que defendernos, e sen arma temos medo, non atacamos nin somos quen de  defendernos. Conseguiron que a Democracia estea nas mans do pobo só un día cada catro anos e o resto do tempo permaneza cativa do poder, utilizada para os intereses dos grupos económicos, dos partidos políticos e mesmo persoais.

A Democracia naceu na antiga Grecia alá polo século V a.c. e finou no século XXI, á idade de 2.500 anos. Descanse en paz.

Tristemente, a partires de agora, os cidadáns non teremos nin paz, nin descanso...