Richard Hawley, o trobador romántico de Sheffield: Cole´s corner e Truelove´s gutter

Richard Hawley
Richard Hawley, o trobador romántico de Sheffield: Cole´s corner e Truelove´s gutter
XULIO CÉSAR DOCAMPO Ola de novo amigas/os da boa música. Hoxe quero traervos aquí outro luxazo esquecido, o ex-ionqui, ex-borracho, ex-guitarrista...

XULIO CÉSAR DOCAMPO

Ola de novo amigas/os da boa música. Hoxe quero traervos aquí outro luxazo esquecido, o ex-ionqui, ex-borracho, ex-guitarrista de Pulp...RICHARD HAWLEY, un perdedor acostumado ao fracaso...que finalmente conseguiu o éxito, cantándolle ao amor...en tempos de crise. A historia de Richard é a dun segundón, nunha cidade como Sheffield que sempre tivo grandes bandas, en practicamente todos os estilos, desde  o seu particular mito, Joe Cocker, pasando polo techno dos Human League, Heaven 17 ou os exquisitos ABC, o abrazo ao mainstream de Paul Carrack, o nu-disco de Moloko, e mesmo o heavy peluqueiro dos Def Leppard ou o brit-pop de Pulp, e xa máis recentemente, a novidade rebelde e xuvenil dos Artic Monkeys.

Con só 24 aniños, o noso antiheroe presentouse a unha audición para acompañar a Morrissey (xa sen os Smiths) nos seus directos, pero foi rexeitado (o seu posto foi para outro da quinta do 67, Alain Whyte). E a pesar de ser un guitarrista máis que dotado, ata cumpridos os 30 tacos non tivo un éxito, máis que relativo, enganchado ao conxuntural brit-pop dos 90 coa súa banda Longpigs, coa que sacou dous discos, e viviu a tope a voráxine do rock: sex, and drugs and rock and roll, que diría Ian Dury. Era o que lle pedía o corpo, e o propio dun mozo cunha guitarra. Musicalmente, nada novo baixo o sol nin que merecese destacarse, porque Blur e Oasis asumían o protagonismo, e xa á súa sombra bandas como Suede, Pulp ou os Ocean Colour Scene (que parirían a mellor canción daquel movemento, a zeppeliana “Riverboat song”).

Como acostuma acontecer nestes casos, son os amigos os que tentan rescatarnos do abismo, e así no 2000 o colega Jarvis Cocker dos Pulp chámao para botar unha mans nos concertos ao vivo (como nesta “Sunrise” no show de Jools Holland, onde o vemos agazapado, nun segundo plano, coa guitarra acústica), e aí comeza a endereitarse a historia da nosa xema de hoxe...como os colegas son os colegas, os Pulp convidárono tamén a participar na gravación do seu disco “We love life” do 2001. E ía abrise a porta da esperanza, esa causalidade-casualidade que nos vai descubrir o verdadeiro talento dun músico impresionante: como sobraba tempo da gravación dos Pulp, Richard aproveitouno para gravar a súa primeira demo, un amigo moveuna por varias discográficas sen que el o soubera, e o resto, o resto xa é unha das páxinas máis brillantes da música do século XXI, sen dúbida ningunha.

Pero tampouco foi chegar e encher, nin moito menos...tiveron que pasar, (con máis pena que gloria) tres discos ata chegar o mítico Cole´s corner do 2005: o homónimo “Richard Hawley” do 2001 (que anunciaba xa o seu estilo posterior, lonxe das modas brit-pop do momento, e con protagonismo da súa voz gastada e das crónicas do desamor con instrumentación cincuenteira, como neste “Coming home”), o “Late night final” do 2002 (se cadra, un bocadiño máis elaborado, e no que destaca esta preciosa “Baby, you´re my light”, que chegou ao posto 81 das listas do Reino Unido con este emocionante vídeo no que Hawley recoñece explicitamente a súa débeda co estilo dos vellos crooners, e no que esta romántico empedernido insiste, a contracorrente, na lírica, na paixón e na delicadeza fronte á morralla do mainstream, con bocados tan delicados como “Something is with us tonight” ou esta deliciosa “Can you hear the rain, love?”); e o “Lowedges” do 2003 (o último chanzo antes do sublime Cole´s corner, pero no que o perigoso nivel adictivo dos medios tempos e as baladas de Hawley nos ten xa collido aos que probamos os anteriores, e agora case nos embebedamos con bombóns irresistibles como “Darlin” ou “It´s over love”...pura beleza que nos desarma; é imposible que este cóctel tan sofisticado para o padal, e tan simple na execución, voz, guitarra, arranxos de corda, non nos seduza... A revista Q, dixo deste álbum confirmaba a Hawley como baladista de primeiro nivel, xa che digo...). A forza creadora aniñaba ben pretiño, as musas deitábanse orxiasticamente con Hawley...e ían chegar os clímax de Cole´s corner e Truelove´s gutter: un orgasmo múltiple.

Cole´s corner (2005), é un discazo de comezo a fin, desde a propia “Cole´s corner” que abre o disco (homenaxe a unha famosa esquina da súa Sheffield natal coñecida por ser punto habitual para citas de lovers…), ata esa xoia insuperable que é “The ocean”, unha canción “10”, hipnótica, que te vai envolvendo, que te aloumiña e te arroupa e que poderías escoitar horas e horas. Neste traballo co que, por fin, e xa con 38 anos e moita tralla detrás, Richard consegue o éxito, e o recoñecemento unánime da crítica máis rigorosa, Hawley ofrécenos un traballo intimista, na súa liña, pero coa maxia que só de cando en vez desprenden os xenios, e que neste caso destila un disco perfecto, un deses álbums nos que non sobra nada, nos que todas as cancións son boísimas, que funcionan nunha comuñón perfecta, e que te obrigan a colocar agulla nos primeiros surcos e deixala dar voltas ata o fin, entre aromas de vinilos dos 50, con arranxos moi suaves de orquestración vintage, e con esa voz de blue velvet que, cos cicatrices da vida e a deformación gutural dos excesos de xuventude, agora emociona e conmove apoiando esas letras cheas de desamores…”with no one there real waiting for me, no smile, no flowers, nowhere…” (“sen que ninguén estea agardando por min, sen sorrisos, sen flores, sen nada…”), e por iso a esperanza da portada co noso Richard agardando no Cole´s corner cun ramo de flores na man, nos amosa ese mesmo ramo tirado nunha papeleira na contraportada...aquí no hai finais felices coma nos contos de Disney...a vida mesma... Como non podía ser doutro xeito, os adxectivos eloxiosos foron unánimes: glorioso, intemporal, maxistral, o segredo mellor gardado...de feito, chegou a estar nominado aos Mercury Prize, premio que levaron finalmente os Artic Monkeys, que nun nobre xesto de sinceridade que os honrou, os Artic, colegas de Richard e veciños de Sheffield, véndose cun premio que sabían que Hawley merecía de sobra, dixeron diante de milleiros de persoas coa estatuíña na man...”Somebody call 999, Richard Hawley has been robbed!!! (“Que alguén chame á Policía! Roubáronlle -o premio- a Richad Hawley!”). Pero o premio era o de menos, porque Richard, por fin, estaba na pomada, e o seguinte disco, Lady´s bridge do 2007, foi loubado como a lóxica continuación do anterior, aínda que un bocadiño máis variado, e con algunha concesión a tons menos escuros, como na simpática “Serious”.

Truelove´s gutter (2009) vai conseguir o impensable...arriscar, emocionar, e mesmo superar as expectativas, algo que está reservado aos xenios, e aos valentes...porque é sen dúbida o máis ousado de todos os seus (un disco conceptual, de só 8 temas de longa minutaxe) e, persoalmente, para min o mellor disco do –ata agora- século XXI. Se cadra non é allea á súa xenialidade o feito de vir detrás doutra das endémicas “malas rachas” de Richard, que instalado outra vez no lado escuro, nos agasalla con outro diamante en vea para escoitas ininterrompidas no modo “repeat”, enchéndonos de paz (como nesta tenra declaración de amor que é “For your lover give sometime”), de tristura (con ese “Remorse code” na lembranza do amigo morto), en suma, de emoción...en especial coa sublime “Open up your door”, digna sucesora do trono de “The ocean” 4 anos antes, un deses temas que só os elixidos, os tocados pola ás da perfección, poden chegar sequera a imaxinar...unha delicia insuperable.

Teño que recoñecer, non sen mágoa, pero sendo sincero, que a súa último achega, o “Standing at the sky´s edge do 2012”, non está á altura dos traballos anteriores, pero é que era moi difícil, e ata os mitos teñen momentos en que dormen a sesta (ahí están centos de discos perralleiros de grandes artistas, como  o “Clapton”do 2010, o “Le Noise” de San Neil Young ou o “Bad as Me” de Tom Waits, que nada teñen que ver con obras mestras como “Slowhand”, “Zuma” ou “Heart of saturday night”, por poñer tres exemplos en que os mellores xastres fan un saco de palla. Pero o bo queda, así que, se aínda non o coñecedes, e vos gustan Elvis, Cash ou Roy Orbison, deixádevos seducir polas obras deste artista xenial redimido polos medios tempos, as baladas sentidas, a emoción, e como non, outra vez, coma sempre...o (des)amor, e as súas consecuencias...Como el confesa en “Open up your door”, “love is so hard to find, and even harder to define...” (O amor é moi malo de atopar, e inda máis...de definir...)

E lembrade, non vos perdades por nada do mundo estas xoias, porque son unha delicatessen para padais musicais exquisitos...como o voso. Ata a próxima.