SENTIMENTOS. Entroido de Xinzo: “Tú” es de acá ou vés á festa?

SENTIMENTOS. Entroido de Xinzo: “Tú” es de acá ou vés á festa?

Entroido de Xinzo: \“Tú\” es de acá ou vés á festa?

Aló polo mes de setembro do ano 2011 a miña vida tornaba de dirección. Camiñaba paseniño polas rúas daquela cidade chea de encanto ata chegar a esa facultade onde emprendería a miña traxectoria como futura docente. Nervios, inquietude, ledicia... e unha sen fin de emocións que provocaban en min a mellor das antíteses sentimentais no comezo dunha nova aventura.

Atravesaba a Praza do Obradoiro e as badaladas da Catedral de Santiago acompasábanse cos latexos do meu corazón acelerado por ese medo ao descoñecido. Acostumada a acudir a clases cos meus amigos da infancia enfrontábame soa a un mundo totalmente novo.

Superada a presentación da carreira, chega ese momento no que pasan lista e cando din María Barreiro Rodríguez , levantas a man e pronuncias: \“Acá\”, si \“acá\” e repítoo pola cantidade de miradas que se concentraron na miña face trala enunciación desa palabra.

Á saída da mesma, comezas a ter a necesidade de socializar e chega ese momento no que che preguntan de onde es por iso de que dixeches acá. Unha norma non escrita se es de Xinzo de Limia é dicir que es de Xinzo de Limia e se non saben onde queda nunca dirás: \“Na provincia de Ourense\”, senón que dirás chea de orgullo e satisfacción: \“De Xinzo de Limia, famoso polo Entroido\”. Nese intre xa tes amigos coa condición de que no Entroido dese curso os convides a pasar uns días na vila.

Xa o dicía Celia Cruz con aquilo de que a vida é un carnaval. O Entroido para os de Xinzo non é unha mera festa, é unha época do ano na que as rúas se tinguen de felicidade, na que se respira positividade e na que calquera problema se disipa coa música das charangas.

Semanas antes do inicio o tema que monopolizará o 90% dos cafés será o Entroido. Non haberá conversa na que non acabes nomeándoo. Persoalmente, o que máis me gusta dos días previos aos días grandes do Entroido é iso de montar un taller clandestino de costura na casa. Armada de paciencia e cargadiña de ilusión, con agulla e fío en man, deixo fluír á imaxinación e deseño os meus disfraces.

Agora, a piques de rematar a carreira, non só conseguín escoitar que a algún da contorna de Santiago de Compostela se lle escape un \“acá\”, \“tú\”, \“il\” ou \“cuatro\”, froito da influencia da forma de falar da miña zona dialectal, senón que tamén puideran gozar da maxia do noso querido Entroido. Ademais, non se lles ocorrería tornar á vila nestas datas e pedir uns quintos de cervexa, agora xa saben que son iso dos \“botellís\”.