Servizos sociais públicos de atención diaria na comarca da Limia, funcionan realmente ben ou non?

Servizos sociais públicos de atención diaria na comarca da Limia, funcionan realmente ben ou non?

ARACELI LOSADA

Este é o meu primeiro artigo como colaboradora do diario dixital DENDE A LIMIA. E despois de pensar e pensar decidín escribir sobre os recursos de atención diaria públicos existentes na comarca.

A  verdade,   é   que   para   unha   persoa   inexperta,   coma   mim,   custoume   un   mundo documentarme. Botei máis dun mes chamando aos once concellos da comarca de A Limia. “Chama o martes ou o xoves, que é cando está a traballadora social”, “ neste momento non está o alcalde que é quen leva o tema”, “agora está ocupada ou reunida”, “ non sei exactamente o número de usuarios”... Finalmente conseguín falar con traballadoras sociais e/ou alcaldes e alcaldesas de sete concellos (algúns ata me deron información incompleta) e en catro nin datos me aportaron.

 Non pensedes que as miñas preguntas eran enrevesadas, máis ben todo o contrario, ou eso me parecía a min. Elaborei unha táboa; como filas os once concellos e como columnas as seguintes preguntas: hai centro de día para maiores? cantos usuarios ten?,  hai centro residencial de maiores? cantos usuarios ten?,  ten o concello escola infantil? cantos usuarios ten?, ten o Concello programa de atención a inmigrantes e/ou colectivos en risco de exclusión social? cantos usuarios ten?, ten o concello programa de atención á infancia e xuventude? cantos usuarios ten?

 Sexa como sexa, sen todos os datos non podemos valorar se os servizos funcionan ben ou mal, se son suficientes ou non,... polo que, moi ao meu pesar, non podo dar resposta á pregunta do titular. Pero eu que son moi cabezota e responsable cas miñas obrigas seguireino intentando.

Pero todo isto serviu de algo. Comprobei na miña propia pel o difícil que é acceder á información e agora xorden novas preguntas: sería pola miña falta de experiencia?, porque non insistín o suficiente?, porque xa pasara moito tempo e tiña a presión por presentar este artigo? ou porque os servizos sociais non se consideran importantes? porque os concellos non teñen informes sobre os seus propios recursos? , porque son reacios a dar información?,... Cada un que saque as súas propias conclusións.