Sobres de feldespato

Sobres de feldespato
Tal como fora anunciado polo BNG de Xinzo no pasado verán de 2012, confírmanse desgraciadamente e unha vez máis as peores sospeitas no canto de que a Xunta de Galicia poda finalmente autorizar unha explotación mineira de feldespato á ceo aberto nunha das veigas agropecuarias parceladas máis fértiles da comarca de A Limia, unhas 400 Has. que discorren a carón do río Faramontaos en proveito e rendibles ao 100% da súa superficie agraria. A esta troupe de broncíneos bustos parolantes que polo de agora nos está a gobernar ocorréuselles que unha mina debía ser a mellora hidráulica nunca proxectada para unha das comarcas agrícolas motor do desenrolo agrario do país e catalizador das rendas dignas do mundo labrego, líder en cultivos como pataca, cereais, millo e cebola, e núcleo principal da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Sen dúbida, cavilarían que no que respecta a área da propia conca do río Faramontaos, dado o seu enorme dinamismo e alta rendibilidade agraria e cos tempos que corren, deduciron que todo este potencial era mellor condenalo á ruína, e con el centos de familias e unhas terras dunha capacidade produtiva contrastada próxima aos 18 millóns de quilos anuais de pataca, que de confirmarse o proxecto da mina quedarán para ó estrío. A cantiga é de sobra coñecida, unha vez máis o Partido Popular amosando o seu modo de facer política máis característico, nocivo e noxento, casos como o da ZEPA ou das reiteradas promesas incumpridas dos regadíos serven para decatarse de que a súa acción política exércese na contra sistemática do interese estratéxico dunha comarca de recoñecido carácter agrario como é A Limia, permitindo agora pola porta de atrás e coa distracción do ciclo do Entroido máis longo da Galiza darlle luz verde a un proxecto de explotación mineira onde o único que vai a primar é o beneficio industrial e o lucro privado dunha empresa valenciana sen ningún tipo de contraprestación posible para as parroquias da veiga do río Faramontaos, e producindo, iso si, un impacto ambiental, freático e de acumulación de residuos que rachará coa sostenibilidade dun sector que é un dos poucos motores económicos cos que A Limia está a resistir os duros efectos da crise. Non se entende como tanto Concello de Xinzo, Deputación de Ourense ou Xunta de Galicia, todos gobernados polo PP, no canto de notificar o absoluto rexeite esixindo a inmediata paralización de semellante aberración mineiro extractiva, persisten, cuspidiños aos seus colegas madrileños do Bárcenas-Gate, na teoría seica dunha conspiración orquestrada desde o engano da propia empresa mineira que disque agochou as súas verdadeiras intencións. A veciñanza, tanto das parroquias afectadas como de todo Xinzo da Limia, capitalidade do Barrio de Abaixo engadida, debería tomar conciencia dunha vez por todas da extrema gravidade e das terribles consecuencias que se derivan destes comportamentos desviados de toda regra moral do Partido Popular, xa que a agresión sistemática do interese xeral da maioría social dunha comarca é o contrario dun proxecto colectivo e viable de futuro a pesares dos sobresoldos encubertos que circulen en sobres de feldespato.