A soidade do home de palla

A soidade do home de palla

Pode semellar un paradoxo que a nosa sociedade occidental, masculina, branca e heterosexual, camiñe paseniño e soa, como perdida e desesperada, cara unha mestura de individualismo e indiferenza, como mulleres e homes de palla que van trepexando nunha realidade que xa lles resulta inabordable ao carecer das ferramentas axeitadas para a súa descodificación. Nin os partidos políticos ao uso son xa capaces de ofrecer respostas, ou mellor, de materializar solucións urxentes cando son as iniciativas lexislativas populares as que acadan notoriedade no Congreso español.

O tan manido progreso social que sempre buscou o achegamento e a maior interacción posible das persoas resulta que está a distancialas. O sentimento de grupo e cuestións como a toma de decisións colectivas, no canto de revelarse como a esencia fundacional do espírito colexiado convertéronse no caldo de cultivo axeitado para a perpetuación de esquemas e estruturas clásicas de dominación e de forte inercia socio estamental que impiden ou dificultan notablemente o desenrolo de outras vías alternativas.

A sociedade mesma estase a comportar como unha estraña de se, ausente, fechada, amorriñada no seu propio entorno e destino, anubiada pola confusión entre crenzas, credos e arelas, e abrindo as portas a calquera tipo de experiencia de control total e definitivo dunha comunidade sobre o individuo, do poder establecido fronte o valor da singularidade. Isto mesmo acontece tamén no seo do BNG, exemplo sintomático onde os haxa, outrora forza emerxente e alternativa que agora a pesar do gravísimo retroceso electoral non dispón de mecanismos de diagnose eficaces por mor do exceso de poder e o control obsesivo e total dunha comunidade dentro da comunidade.

Todo desexo de cambio será difuso como a denuncia dun supervivente, ronsel na brétema dun inconformista fronte as contundentes pegadas de homes cansos e escépticos, armados de forte inercia que a sociedade auto produce e retro consume, todos e todas homes e mulleres de palla.

Igual que Rajoy cando o círculo ártico das mentiras peche o seu frío polar. E Rubalcaba cando esgote a oportunidade única. O mesmo que Feijoo cando sexan berros o que reciba no canto de aduladores. Tamén Pachi Vázquez cando non poida dilatar máis os reloxos líquidos de Dalí. Como Baltar júnior cando a lousa da xustiza caia sobre a corrupción total do apartheid paterno que o tutela. E, por suposto, o mesmo que o prezado alcalde de Xinzo da Limia, Antonio Pérez, cando os fortes intereses económicos da mina sepulten a dignidade de cinco parroquias. Todos son solitarios homes de palla que non souberon descodificar a súa propia soidade.