SOMOS FILLOS DAS ÁRBORES

178
SOMOS FILLOS DAS ÁRBORES

\“As árbores déronme sempre os sermóns máis profundos\” ( Hermann Hesse: \“Árbores\”, en O Camiñante ).

178Pouco máis de cincuenta anos atrás, a Limia era lagoa e carballeira, prados de gado e terras de labor. Polos camiños de andar da chaira, a sombra compañeira das canas das árbores amparaba o tránsito animado da xente cara as prazas e os lugares. As mellores celebracións, os encontros máis gozosos, aconteceron baixo o seu manto verde, de esmeralda. Durante as longas noites dos anos da intemperie escura e fría, o lume de paus e cavacos acendía a fantasía dos soñadores e ía cociñando devagar as palabras do relato da vida. A morada, o mobiliario, os apeiros de labranza, etc. nutríanse tamén da súa madeira. Eran tempos de maior harmonía co territorio, de maior integración coa natureza.

Hai millóns de anos, os humanos nacemos no alto das súas gallas mais non o acordamos por perdermos a memoria primixenia.

As pólas das árbores gardan todo o murmurio do mundo, a pesar de teren as súas diferenzas co porfioso vento nordés. Na súa quietude reflexiva, reloucan polos risos e as falas da xente, pola rexouba dos paxaros. As raíces laboriosas, infatigábeis, procuran o misterio no ignoto, no mundo soterrado.

Son seres que manteñen a lealdade á primeira lei da vida. O seu corpo, dotado dunha magnífica forza interior, vai rexistrando día a día cantas incidencias climáticas e ambientais se producen ao longo da súa existencia.

Cada árbore, dicía o meu pai, é única, irrepetíbel, como a persoa, e non persegue outra cousa que ser fiel a si mesma. Cada unha co seu propio libro da vida, aínda conserva unha boa carga de sacralidade, universo enigmático do xenio vexetal, que activa a emoción; desperta en nós algo íntimo, telúrico, talvez un misterio interior que nos apreixa, que nos vincula e nos identifica con forza con ela nun aloumiño de promesa.

As árbores guían o noso andar pola vida e o camiño de retorno á casa, que garda a saudade da terra. Se aprendemos a escoitar a súas mensaxes, o saber silandeiro e pausado das árbores, chegaremos a obter a súa sabedoría. A linguaxe das árbores é a linguaxe da alma, da vida: lección de permanencia, de confianza, de autenticidade. Elas seguen a limpar cada día a atmosfera para podermos respirar.

Protagonistas destacadas da evolución natural, son seres vivos prodixiosos, protectores pacíficos do planeta, equilibrio perfecto de todos os seus elementos. Creadoras de vida e de saúde, son parte fundamental da paisaxe e da historia. Teriamos que estudar a historia fascinante das árbores, da floresta. Patrimonio vexetal de extraordinario valor, escasamente coñecido, menos estimado.

Inventaron a maneira de vivir na inmobilidade. Mentres os animais reinan no espazo, as árbores reinan no tempo, encarnan o tempo. Mandan as súas mensaxes aos que as saben interpretar para que participen no rito da fecundación e da reprodución. Mandan as súas sementes a andar mundo no estómago dos animais. Elemento fundamental da inmensa tea que formamos todos os seres vivos.

O xenial Castelao fala da árbore con palabras cargadas de estima e admiración:

\“A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia. A árbore é un engado dos ollos pola súa fermosura; é unha ledicia dos oídos porque nela cantan os paxaros; é un arrolador do espírito porque nas súas ponlas conta contos o vento. A árbore dános froita, que é un manxar composto polo mesmo creador para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que nos quedou do paraíso perdido. A árbore pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.\”

Coa ilusión da conquista do ceo, adoradoras do sol, que semella lucir só para elas, atentas ao ritmo cósmico, procuran as alturas, sempre maxestosas, en asociación de floresta ou solitarias, algunhas ancestrais, pacientes todas, serenas no sosego silandeiro da noite, as árbores só lles teñen medo aos dentes rabiosos da idiotez, da ignorancia humana.

Árbores fermosas, vestidas ou espidas, elas dan a auténtica medida do poder da creatividade, da grandeza e da fraxilidade da vida. Chega un instante para a morte, para a destrución; son necesarios varios decenios para a vida, para a reconstrución, para a rexeneración.

Necesitamos as árbores para podermos seguir cos pés na terra. Fornecedoras xenerosas de beleza e vida, marabilla de formas e tons para o ollar pracenteiro, sempre maternais e bondadosas, debémoslles estima, respecto e gratitude.

[ En memoria do meu pai, que me deixou a querenza polas árbores ]

DELFÍN CASEIRO.