Son todas andoriñas?

Son todas andoriñas?

Chega o bo tempo, o ceo énchese de vida (o anticiclón posiciónase nas Azores).  Son as aves migratorias que veñen pasar connosco os seis meses (o tempo varía segundo a especie) máis importantes das súas vidas. Veñen criar, a perpetuarse como especie.

Entre todas estas aves migratorias, as máis popularmente esperadas son as Andoriñas (Familia HIRUDINIDAE).

Andoriña común (Hirundo rústica), Andoriña dáurica (Hirundo daurica) e Andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris) do xénero Hirundo. Andoriña das barreiras (Riparia riparia) do xénero Riparia e Andoriña de cu branco (Delichon urbica) do xénero Delichon. As cinco andoriñas son moi parecidas, porén teñen diferenzas moi marcadas. Todas, en maior ou menor medida, aproveitan as nosas construcións para facer os seus fogares e criar a rolada.

A grandes trazos as diferenzas radican na cor, na forma da cola e no tamaño. A Andoriña común é escura por riba e branca por baixo, coa fronte, faciana e gorxa roiba e a cola gallada con manchas brancas. A Anduriña dáurica engade a caluga e o cu (mitra) roibo. É acastañada por abaixo. A Andoriña de cu branco é negra na parte superior e branca na inferior, pero ten o cu (mitra) branco e as patas cubertas cunha plumaxe branca. A Andoriña das barreiras e a Andoriña dos penedos son pardas por riba e branca e branca lixada por baixo respectivamente. Cola lixeiramente gallada na Andoriña das barreiras e cola escotada e con manchas brancas na dos penedos.

Outra das diferenzas que nos axudan a identificalas é onde se localizan  e a forma do niño.

A Andoriña común é aldeá, prefire face-lo niño nas cortes do gando, unha trave cunha punta de base axéitaselle ben. En tempos, aproveitaba a calor do gando vacún. O niño está feito de lama con herba seca e ten forma de copa, aberto por riba.

A Andoriña de cu branco é urbana gusta dos nosos edificios, beirados e balcóns para protexer os niños da choiva. O niño tamén ten forma de copa, feito de lama, pechado, a única abertura é un burato para que entren as aves.

A Andoriña daurica e a Andoriña dos penedos fan o niño en precipicios, aínda que tamén aproveitan as pontes, edificios relixiosos, unha presa… O niño é máis elaborado no caso da Andoriña daurica que é como o da Andoriña de cu branco pero cun túnel de acceso. Moi parecido ó da Andoriña común no caso da Andoriña dos penedos.

A Andoriña da barreira está asociada ós ríos e lagoas, tamén ás areeiras. O niñal é completamente diferente. Escava unha tobeira nas barreiras de 60-70 centímetros(depende do substrato). Ó final do todo fai unha confortable cámara con herba seca e plumas onde pon os ovos.

Tamén axuda a diferencialas que a Andoriña de cu branco e a Andoriña da barreira crían en colonias.

Estas aves chegan desde a África central e tropical nunha viaxe de 6.000 km, facendo entre 200 e 300 kmó día. Os desprazamentos son diurnos e a uns 100 mdo chan. Os primeiros en chegar son os machos e as femias adultas, cara finais de marzo e primeiros de abril. O esforzó é titánico. Son aves que pesan entre 15 e25 gramos. A máis pequena mide12 cm e a maior mide18 cm, segundo a especie, de envergadura30 cm máis ou menos.

O esforzo non remata coa viaxe. Facer un niño supón 1.040 boliñas de lama e 2.000 raíces pequenas amasadas co cuspe (Andoriña común). O niño está preparado en 10-12 días.

Agora, os ovos. Unha media de catro ovos entre a segunda quincena de abril e a primeira de maio, e outros tantos na primeira semana de xullo. En zonas máis cálidas atrévense cunha terceira posta.

Seguimos: para darlle de comer ós polos cazan en voo saltóns, pulgóns, moscas, bolboretas, arañas, etc. Cada poliño é alimentado unha media de nove veces por hora con tempo seco, e catro con tempo húmido. Un adulto fai entre 115 e 200 entregas de comida ó día. En total sete gramos de insectos. Unhas 7.000 presas. (Andoriña común).

Engadimos uns problemas máis, os seus depredadores son: o Falcón pequeno (Falco subbuteo), Gabián común (Accipiter nisus), Curuxa común (Tyto alba), Pega rabilonga (Pica pica)… e os  Xirotos (Passer domesticus) que lles ocupan os niños para criar neles.

As inclemencias metereolóxicas ó comezo da migración (tempestades no Sahel e no Mediterráneo incrementan a mortaldade)

Enfermidades por parasitos, internos e externos.

Finalmente e o máis notorio: o home. Disparos, colisións con autos, contaminación, insecticidas en cultivos, destrución dos niños, despoboamento rural, cultivos intensivos,  desaparición da gandería extensiva... O derradeiro informe da SEO dinos que a Andoriña común sofre un declive dun 41% pola proliferación de produtos químicos e o abandono do pastoreo extensivo que fan desaparecer a súa principal fonte de alimento: os insectos)

A máis achegada ós homes é a Andoriña común. Acompañou a nosa especie nas cavernas,  seguiunos ás aldeas e ás cidades, ata que estas se fixeron insoportables para as aves. Para explicar a súa desaparición no outono, dende a Antiga Grecia ata o ano 1849, tívose por certa a teoría de que as andoriñas, polo frío das primeiras xeadas, mergullábanse no fondo dos lagos e alí pasaban o inverno. Ata hai un gravado na Historia dos Pobos Nórdicos de Olaus Magnus (1555) no que se ve a dous “Pescadores de anduriñas” cunhas redes sacando andoriñas do fondo dun lago.

Na mitoloxía grega e romana, (As Metamorfoses de Ovidio) temos o castigo de Procné. Unha terrible historia de morte e canibalismo das que tanto lle gustaba a aquela xente. Remata coa transformación das dúas asasinas: unha en andoriña e outra en reiseñor común.

Na nosa cultura popular as andoriñas son respectadas e queridas. Son as almiñas dos defuntos. Foron as que lles tiraron as espiñas á coroa de Cristo cando estaba na cruz. De aí a cor sangue da cabeza e da gorxa.

En moitos lugares de Galicia, se se mata unha andoriña vén un ano de mala sorte porque cando queimaron a S. Lourenzo as andoriñas e as carrizas levaban auga no peteiro para apagar o lume.

A cultura popular dá ata para adiviñas:

Teño unhas veciñas

que a súa casa trouxeron á miña.

Veloz viaxeira,

niño de barro,

rabo de tixeira.

 E refráns:

De marzo a metade a andoriña vén e o tordo vai.

Andoriña a rentes da auga, choiva na praia.

Andoriña adiantada, primavera ben temprada.

(Non poño máis para non aburrir)

E…cantigas:

Catro aves escollidas

Son as que pasan o mar:

O cuco e a andoriña,

A rula e o paspallás.

¡Ai! Quen andoriña fora,

Andoriña da outra banda,

Que ó meu amor un suspiro

No piquiño lle levara.

Un 41% menos de Andoriña común!!!

Quen vai entón anunciar a primavera?

E se quedamos sen andoriñas… De quen será a culpa? Non busquedes moi lonxe.