Sr. Alcalde, dimita xa...

Sr. Alcalde, dimita xa...

Agora enténdese o cabreo permanente do noso honorable alcalde de Xinzo coa Limia, con Galiza, co mundo e pode que ata consigo mesmo. Así o amosa en cada pleno ou nota institucional. Tanta é a xenreira que profesa á todo o que se menee na órbita da posta en valor da nosa identidade, lingua ou cultura, que todo indicio de galeguidade é sistematicamente vilipendiado e aguilloado nunha espiral de odio mofa máis próxima ao trastorno bipolar que a actitude que se lle presupón ó presidente dun concello, por moita maioría que teña ou por moito que sexa quen de quitar ou dar a palabra. A súa, desde logo, xa non é exemplo nin lección de nada. E moito menos que nada despois do que ven de publicar La Voz de Galicia en relación coa contratación municipal, desenmascarando que esa furia insá do alcalde, parcial e viciada cara todo o que indique galego, ten outro orixe moito máis próximo e banal: o seu cabreo provén da iniciativa da C.I.G. de trasladar a Subdelegación do Goberno de Ourense as prácticas contractuais fraudulentas do señor alcalde Antonio Pérez. Polas páxinas da prensa sabemos tamén que de oficio e ante as irregularidades manifestas a Avogacía do Estado presentou unha demanda civil contra o alcalde, e que no caso do concello de Xinzo foi especialmente complicada a investigación polas súas reiteradas negativas a facilitar os preceptivos informes de secretaría e intervención que obrigatoriamente ten que avalar todo contrato. E non é de estrañar tanta reticencia dado que estes informes son todos desfavorables e ademais ata en 17 ocasións se lle advirte desde a secretaría do concello á Antonio Pérez que tales contratos incorren en fraude de lei: insuficiencia de trámites na información pública e selección que establece a constitución, grave incidencia no Plan de Axuste de marzo de 2012, risco de Indefinición na empresa municipal co conseguinte gasto acumulativo, inexistencia de crédito axeitado, etc, etc... E todo elo para colocar e recolocar a interventores electorais do Partido Popular e algún primo político, e o máis grave e sangrante, sabendo que o que estaba a facer de xeito reiterado e consciente era ilegal, é dicir, prevaricando en toda regra coa interesada cegueira dos seus departamentos de persoal e facenda.

Agora só lle resta unha última lección desa gran honorabilidade e alta catadura democrática da que sempre gusta de facer gala: a honrosa dimisión, xa. Debe dimitir simplemente admitindo que se excedeu nas súas funcións, A Limia non merece o fraco favor de pasar outra vez máis pola vergoña da renuncia do alcalde da súa capitalidade por imperativo xudicial; pois, que non haxa a menor dúbida de que de non producirse a súa inmediata dimisión, alguén terá que interpor unha demanda penal acorde a flagrante prevaricación na que foi cazado.