Tal día coma onte, hai dous anos.

IMG-20200326-WA0024
Tal día coma onte, hai dous anos.

Cando escribo este artigo, é martes 15 de marzo. Así pois, tal día coma onte, hai dous anos, era catorce e sábado. Ese día, ás sete do serán, comezaba a escribir un artigo que foi o primeiro de moitos seguidos, a razón de un diario, e que titulei Estado de alarma, día un. Por ser catorce, tal día coma onte hai dous anos, era día de feira na miña vila de Xinzo, ou debería ter sido, porque non foi. Non se celebrou aquela feira (nin outros catorce ou vinte e sete, que viñeron despois e que tamén tocaba) porque inaugurabamos un novo estado de cousas, descoñecido para todos os habitantes deste noso país. Un estado de alarma que nos confinou nas nosas casas, na procura de evitares un espallamento da pandemia do virus da Covid 19.

Após dous anos daquilo, non sei canto queda. Hai unhas semanas que rematou o entroido, un entroido que todos os limiaos levamos no sangue, un sentimento. Foron pasando os días, semanas e meses, e mesmo alá marcharon dous anos. Porén o virus segue aí. E nós a carón del, facéndolle fronte con todas as nosas armas. Que, para dicir verdade, son ben poucas. A vacina, a máscara, a precaución, o xel hidroalcohólico e a nosa responsabilidade.

Ese virus converteuse nun apósito peqañento do que non nos damos desfeito. Por se non abondase, agora levamos case tres semanas con esa guerra do Putin contra Ucraína que está a botar a millóns de persoas (mulleres, nenos e anciáns) fóra dunha terra que é súa e que os viu nacer. E onte comezou a tinxirse a atmosfera dunha cor laranxa por mor desa calixe, dese aire con minúsculas partículas de po e area en suspensión. Cos prezos da electricidade alén das nubes, os combustibles a prezos nunca vistos e o confinamento dos nove millóns de habitantes da cidade chinesa de Changchun, xa non sei que máis cousas poden acontecer estes días.

Sigo con interese as novidades que poida haber nas negociacións para o final da guerra. Teño poucas esperanzas, porque Putin leva enganado a medio mundo co asunto e demostra que, dende logo, non é de fiar. Así pois, farto de ler malas noticias na prensa actual, volvín distraer a mente rebuscando noticias en xornais antigos. Atopei unha, no xornal El Correo de Galicia, Diario independiente de avisos y noticias, do 25 de setembro de 1912, que dicía o seguinte:

Ingresaron ayer en la cárcel, en donde sufrirán quincena, Ramón Quintana Arias de Allariz y Julio Peleteiro Álvarez, de Ginzo, de 17 anos y de 18 el otro, a quienes se detuvo por carteristas. Dijeron ser panaderos de oficio, aun cuando no parece ser esta la profesión que les da de comer, pues el primero estuvo dos meses en la cárcel, no ha mucho tiempo, y el segundo, cuatro meses por hurto.

Posto a escoller entre eses dous enganadores da noticia anterior e o enganador Vladimir Putin, debo dicir que prefiro a aqueles. Non vou xustificar o roubo de carteiras, mais entre iso e a morte de moitísimas persoas por mor dunha guerra caprichosa e inxusta, quédome cos carteiristas. Non sei como sería a vida posterior destes dous rapaces, pero imaxino que non levaron na súa conciencia a morte de ninguén. Cousa que non vai poder dicir o presidente ruso, malia que a este eu non o imaxino roubando unha carteira.