Tamén Xinzo ten historia

Miro - Portada libro
Tamén Xinzo ten historia
XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA Cando o meu profesor de Historia de España, no Ourense dos anos sesenta, intercalaba referencias á nosa...

XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA

Cando o meu profesor de Historia de España, no Ourense dos anos sesenta, intercalaba referencias á nosa provincia, sacado algunha vez que outra Celanova e Monterrei, non facía outra cousa que mencionar Allariz. Que se a súa carta de foro, que se Afonso X criara alí, que se dona Violante fundara o mosteiro… De Xinzo nunca falaba, senón un día que saíra na prensa un artigo de Conde-Valvís e el riuse abertamente da súa teoría dos palafitos na lagoa. Con todo, non gardo mal recordo del, porque era un bo profesor que, deixando algo de lado reinados e batallas, incidía no que máis tarde soupen que Unamuno chamou intrahistoria.

Isto ven ó caso de que, daquela, moito me gustaría contar co último libro de Edelmiro Martínez Cerredelo, Historia de Xinzo de Limia, xa que nas vacacións tampouco cheguei a atopar na librería do meu pai máis que un libriño de malas fotos e escaso texto, do que só recordo ter lido alí, por vez primeira, a anécdota do cazador de Pena e os seus contados cartuchos, na invasión francesa.

Dispoñemos agora dun libro para comezar a coñecer a nosa historia, que debería encontrar acomodo non só nos centros escolares —aquí imprescindible—, senón tamén en cada domicilio particular. E non para poñelo de adorno ó carón dunha cerámica de Sargadelos co escudo do concello, senón para lelo e gozar dunha información que, a medida que un se vai metendo nela, certamente engancha. Aínda que a moita xente lle poda parecer raro, a memoria do que fomos tamén pode ser unha festa. Eu prefiro, con moito, ir descubrindo feitos reais da nosa terra que sobar repetidamente lendas e fábulas. É moito mais emocionante cada detalle do que podamos saber, por exemplo, da época da civitas limicorum —incluidos os restos arqueolóxicos que aparecen mesmo debaixo das nosas vivendas—, que un milleiro de lendas de ríos de esquecemento ou cidades asolagadas.

Anque o libro fose só un manual do noso acontecer histórico xa tería plena xustificación, porque deica agora a documentación sobre o tema estaba espallada en libros e revistas de non doada consulta e desta forma témola toda a man. Pero é que ademais o autor engade datos e referencias que incluso os que estamos un pouco máis no allo descoñeciamos totalmente. No meu caso, confeso que, entre outras moitas cousas, ignoraba en absoluto o período no que relaciona as guerras carlistas coa Limia.

A pesar de todo isto, cando falo da obra con veciños, algúns obstinadamente néganlle, por falta de título académico, capacidade para levar a cabo tales traballos, pero iso é tan absurdo como se ó civil, de quen falaba antes, se lle negase a posibilidade de defenderse ante os franceses porque non era militar. O de sempre; nin comen, nin deixan. Calquera poderá sinalar erros no texto, se é que os hai, pero non negar a obra porque aí está, e, por certo, con ben fermosa presentación e inmellorable venda, dado que teño entendido que está a piques de se esgotar. Os pasteis, se están bos, non precisan carné de pasteleiro.

En Xinzo, o interese por estes temas era certamente escaso ata que Miro, con moito traballo e innegables gastos, deu en publicar os seus catro libros que agora, non só calquera estudante, con inquedanza neste campo, pode aproveitar no futuro, senón que tamén calquera veciño, con un mínimo de curiosidade, pode descubrir que tamén aquí temos un pasado real. E isto é de agradecer e de louvar. Oxalá que noutras facetas da cultura tivésemos na comarca un pioneiro tan peleón e entusiasta como el.

É verdade que o edificio non está rematado nin moito menos, que hai períodos dos que aínda non sabemos nada, pero os alicerces son valiosos e os datos abondosos. Ó meu entender, falta tamén artellar estes datos para que tomen solidez e dean visión de conxunto. É un pouco como se vísemos unha chea de teselas de forma individual, pero non puidésemos contemplar o mosaico rematado. Sen embargo e contando con iso, o necio sería rexeitar tódalas pezas aportadas.

Retornando a miña nenez, cando o profesor para falar de Allariz citaba a Cid Rumbao —que, por certo, tampouco era titulado en Historia—, se entón tivese eu o libro de Martínez Cerredelo, habería de meter baza para que o resto da clase soubera que Xinzo de Limia tamén ten historia.