Tempos de Condave

QrVM1PXj_G-1
Tempos de Condave
A pasada semana o Vaticano inauguraba a súa propia primavera da reconciliación coadignidade, a pesar das poucas purgas e a totémica...

A pasada semana o Vaticano inauguraba a súa propia primavera da reconciliación coadignidade, a pesar das poucas purgas e a totémica estética púrpura e ouro, facendo fincapé nunha inaprazable escolla pola humildade e austeridade de dúas figuras tan simbólicas como San Francisco e San Ignacio de Loyola. Dada tan delicada conxuntura de perda da fe ligada a propia crise da institución, deixáronse de andrómenas.

Pola contra, o nacionalismo galego está a vivir unha auténtica idade do xeo, unha nova e durísima glaciación que vai tardar en dar paso a esa ansiada primavera galega da conciencia colectiva nacionalista a pesar dos xestos e pontes para a galería, e que probablemente cando se produza estará protagonizada por novos xermolos, non precisamente os actores e actrices nin tampouco os formatos que lideraron esta escena perante os derradeiros trinta anos. Nesta agardada primavera galega, sen dúbida, terán moito que dicir as novas concepcións e axentes socio políticos que nos novos tempos de incertidume e de fortes ventos de cambio foron quen de adaptarse e mudar, construíndo muíños de futuro no canto de levantar muros e valados de rabia e medo.

Con todo, coido que é un convencemento colectivo que o nacionalismo galego ten moito e próspero futuro, contrastado xa no feito mesmo de que foi quen de sobrevivir e chegar ata aquí a pesar da teima dos propios nacionalistas por reducilo a unha forza rara, excepcional e instalada na singularidade dun respaldo electoral minoritario e marxinal. Sen falar do infindo crebacabezas de siglas, modelos, frontes e discursos onde unha coma pode ser a diferenza infranqueable.

Nun contexto como o actual no que a cidadanía xa descubriu a confianza e comprobou a eficacia dos movementos sociais, onde xa superada a indignación inicial agora están a exercer unha auténtica presión reformista a través das iniciativas lexislativas das plataformas de afectados no parlamento, semella que o discurso político ao uso, a incidencia das bondades do noso feito diferencial, o referendo de autodeterminación ou mesmo o aceno soberanista pouco ou nada lle importan a unha xente que precisando solucións urxentes e inmediatas para que non os boten da casa, tomáronas pola propia man rescindindo a exclusividade mediadora cunha clase política que por forte devaluación está cando menos abocada a evolucionar e renovarse, si ou si.

Non facelo, non someterse a unha análise en profundidade, non facer desta premisa virtude en tempos de conclave, seguir coas inercias e mecánicas de sempre, ceibar toda a valía na impoluta e colexiada democracia asemblearia onde o militante ten a primeira e última palabra despois do implacable control das mesas de debate que regulan as comisións, e que cando menos desde Amio demostrouse que xa non é garante de nada agás dunha histórica escisión e a perda de espazo electoral, seguir na teima da idoneidade dun modelo de fronte coral e poliédrico artillado en torno a unha única, hexemónica e monolítica UPG, seguir co desmarque da esquerda da esquerda, a autodeterminación, independencia, co discurso cen anos luz por diante da sociedade a que se dirixe, non freará senón que incrementará aínda máis tanto o declive electoral como o perenne retraso desa tan prezada primavera nacionalista galega que todas e todos desexamos.

[author image=" http://www.dendealimia.com/web/wp-content/uploads/2013/06/5092a1b22afb9-xosel.carreirafoto.jpeg"] Xosé Lois Carreira. Nado en 1971 en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico multidisciplinar. Concelleiro do BNG en Xinzo da Limia [/author]